O 'salario da liberdade' poderá ser solicitado durante todo o ano

Carme Adán [Imaxe BNG]

O Parlamanto aprobou a iniciativa do BNG que modifica a lexislación actual e permitirá acceder a esta axuda sen interrupcións. Aliás amplíase ás mulleres en situación de trata. 

Até o de agora as mulleres en situación de violencia machista que querían acceder a unha axuda económica debían agardar a que esta fose convocada polo goberno polo que só podía ser solicitada entre os meses de marzo a outubro. Así pois, durante os cinco restantes era imposíbel ter acceso a esta prestación económica que visa dar independencia económica ás mulleres maltratadas. 

Na actualidade, a lexislación só permitía acceder a esta prestación económica nos meses de marzo a novembro

Desde o pasado ano o grupo parlamentar do BNG, através da súa portavoz de Igualdade, Carme Adán, tentou que estes criterios fosen modificados pasando a xerir o coñecido como 'salario da liberdade' de igual maneira que outras axudas sociais como a Risga. En novembro de 2014 rexistrou unha proposición de lei que foi debatida en febreiro de 2015 polo pleno. Porén, a iniciativa foi rexeitada polo Partido Popular. 

Esta terza feira (24 de maio) Adán recuncou de novo na proposta e, agora si, conseguiu arrincar o voto favorábel da bancada popular e mesmo a unanimidade da Cámara

Após a aprobación da iniciativa do BNG, Galiza contará cunha prestación económica “de carácter periódico” para as mulleres que sofren violencia de xénero incluíndo ás mulleres “vítimas de trata”. Estas axudas poderán ser solicitadas durante todo o ano. 

“Cada paso que damos, cada acordo ao que chegamos resulta crucial” porque hai trinta anos non se nomeaba a violencia de xénero e hoxe “estamos lexislando” e tomando medidas para erradicala, sinalou a deputada do Bloque no pleno.