Saír á rúa en defensa dun monte e dun rural vivos

[Imaxe de arquivo]

A Organización galega de montes e man común e a Fruga convocan unha mobilización este sábado ás 12h por "un rural vivo" e en defensa das terras comuneiras. A manifestación sairá da estación de autocarros de Compostela. 

 
 
 
 

 

A convocatoria da manifestación deste sábado (22 de novembro) xurdíu após reclamar a Xunta de Galiza á veciñanza comuneira unha débeda que tería contraído durante os anos de xestión pública dos montes en man común. Porén, Xosé Alfredo Pereira asegura que a mobilización vai para alén de reclamaren a "condonación" deste diñeiro --que o goberno galego aínda non cuantificou-- e visa defender a xestión mancomunada do monte galego como "unha peza estratéxica para logar un medio rural vivo". 

O presidente da Organización galega de montes en man común (OGMMC) asegurou na entrevista publicada no número 123 do semanario Sermos Galiza que as últimas medidas aplicadas polo executivo galego, teñen por obxecto "privatizar a xestión" das terras en man común.

Unha "estratexia planificada" que, segundo Pereira, leva desenvolvendo o Partido Popular desde a Xunta de Galiza ao longo dos 20 anos en que ostentou o goberno. "Para levar a cabo" o que @s comuneir@s entenden como un plan, "o primeiro que precisan é que no rural non haxa xente", sinala. E máis aínda, que a que fique nas aldeas e vilas do país non teña capacidade de xestión sobre o monte. 

Neste senso, advirte Xosé Alfredo Pereira, de se aplicar a Lei de Montes de 2012 --como prevé o goberno-- aquelas comunidades que non poidan facer fronte ao diñeiro que reclama a Xunta estarán obrigadas a asinar un contrato cunha empresa forestar privada. "Sería entregar a xestión do monte de maneira que a veciñanza comuneira pasaría a ser unha simple rentista, non tería capacidade de decisión". 

"O monte veciñal só ten futuro considerado como unha peza estratéxica para lograr un medio rural vivo"

Para que? "Para a plantación de monocultivos forestais de ciclo curto, cultivos enerxéticos e para instalar industrias agresivas e coloniais", sentencia. 
 

Un aproveitamento multifuncional

E é que a xestión mancomunada do monte representa un modelo de aproveitamento deste recurso ben distinto ao que promove o Partido Popular. E diso dan boa conta algúns dos proxectos desenvolvidos pola veciñanza comuneira en Figueiras (Mondoñedo), Cabeiras (Arbo) ou Couso (Campo Lameiro), onde se están a desenvolver iniciativas de aproveitamento multifuncional do monte. 

No caso mindoniense, na parroquia de Figueiras, o monte emprégase para pastoreo xunto con explotacións de cogumelos e mel. En Arbo, na parroquia de Cabeiras, contan desde 2004 coa catalogación de monte sustentábel e embora destinaren boa parte del á produción madeireira, a veciñanza comuneira limpa as hectáreas de monte para logo empregar os rastrollos na produción de biomasa. Doutra banda, no Couso de Campo Lameiro apostan na produción de castaña coa plantación de castiñeiros xunto coa posta en valor dos recursos patrimoniais e arqueolóxicos da zona. Roteiros de sendeirismo e turismo rural conviven co petroglifo de Sobral ou as Mámoas do Outeiro da Pipa. 

"O monte veciñal só ten futuro considerado como unha peza estratéxica para lograr un medio rural vivo", enfatiza Pereira.