Sae do porto de Vigo o barco que inspeccionará o pecio do 'Pitanxo' malia as advertencias do xuíz e as familias

O buque 'Ártabro', de ACSM Shipping, atracado no porto de Vigo antes de partir. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
"Por parte do Ministerio pasaron polo forro as garantías legais", lamentan as vítimas do naufraxio, moi críticas coa xestión que está a facer o Goberno estatal e que foi tamén cuestionada polo xuíz instrutor do caso na Audiencia Nacional, que lembra que é o propio xulgado o que debe coordinar o operativo.

O barco que inspeccionará o pecio da Vila de Pitanxo, naufragado en augas de Terranova (Canadá) en febreiro de 2022, partiu á primeira hora da tarde desta cuarta feira do porto de Vigo, a pesar das advertencias das familias das 21 vítimas e do xuíz da Audiencia Nacional, que matizou que debe ser o xulgado o que coordine a operación.

O buque partiu, segundo avanzaba pola mañá a Delegación do Goberno estatal na Galiza, logo de que na terza feira o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana trasladase á empresa concesionaria, ACSM Shipping, o contrato e de que, unha vez asinado, a Comisión de Investigación de Accidentes Marítimos (Ciaim) informase pola noite perante un oficio á Audiencia Nacional.

Con todo, o xuíz Ismael Moreno reiterou ao Goberno que é o propio xulgado o que debe coordinar o operativo, tal e como trasladan esta cuarta feira fontes xurídicas. As mesmas fontes lembran que o pasado 8 de maio o xuíz pediu documentación ao Ministerio de Transportes para coordinar o envío do barco até o lugar no que se achan os restos do naufraxio.

Así, a pesar da comunicación enviada na terza feira coa saída prevista para esta cuarta, o xuíz o que fixo agora é comunicarllo á Fiscalía e ás partes para que aleguen sobre a data. Deulles dous días de prazo mais, en calquera caso, o barco xa partiu.

Reproche das familias

En declaracións aos medios após coñecer a saída do buque, a portavoz das familias das vítimas, María José de Pazo, lamenta "con toda a dor" que se realice "sen cumprir co acordado e notificado pola Audiencia Nacional", así como que a comunicación fose pola noite, "cando obviamente non había ninguén" en sede xudicial.

"Por parte do Ministerio pasaron polo forro as garantías legais", sinalou De Pazo, lembrando que na terza feira, durante unha reunión, o delegado do Goberno na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, trasladáralles que "non había data de saída" aínda designada.

"Hoxe sae o barco e as familias non temos nada por escrito da Delegación do Goberno a pesar de pedilo encarecidamente. Día negro para a xente do mar, día moi triste", concluíu a portavoz. Así, as familias prevén volver concentrarse esta quinta feira pola mañá diante da Subdelegación do Goberno estatal en Pontevedra, onde darán lectura a un manifesto.