Sae a listaxe de medicamentos que haberá que pagar

Faise pública a listaxe de medicamentos que, a partir de setembro, deixan de estar financiados pola Seguridade Social, os criterios para a súa escolla, e as excepcións, relacionadas sobre todo con doenzas crónicas.

Hoxe sae no BOE a listaxe de 417 medicamentos que fican excluídos da prestación farmacéutica, e cuxo prezo @s pacientes deberán abonar integramente. Na súa maioría, están asociados ao tratamento de síntomas menores: problemas dixestivos, coma diarrea, acidez ou estrinximento, catarros, mucosidades... Inclúense tamén colirios, analxésicos ou outros tratamentos para síntomas comúns.

Noutras ocasións, o criterio para introduciren medicamentos na listaxe é a existencia doutro medicamento sen receita e co mesmo principio activo, como acontece cos de tratamento do herpes simple. En calquera caso, tampouco teñen un prezo moi elevado: a metade dos medicamentos da lista non supera os catro euros.

Por outra banda, 97 medicamentos non son afectados polo repago nos casos en que @ paciente padeza unha doenza crónica: formadores de volume para enfermidades intestinais, síndrome de colon irritábel ou diverticulose; laxantes osmóticos para encefalopatía portosistémica e paraplexia; antagonistas do receptor opioide periférico (analxésicos) en pacientes oncolóxic@s; vasodilatadores para afectad@s de claudicación intermitente (unha enfermidade vascular); alcaloides do opio en pacientes con neoplasma con tose persistente; ou algúns oftalmolóxicos para pacientes con síndrome de Sjögren, un transtorno autoinmune que provoca sequedade dos ollos.