Sada únese á loita por unha Atención Primaria de calidade

Protesta pola deficiencia asistencial no centro de saúde de Sada (Concello de Sada).
O Concello de Sada liderou a súa propia protesta por "un servizo digno en Atención Primaria". Após recibir unha calada por resposta da Consellaría de Sanidade e de sumarse á folga convocada polas médicas e pediatras da especialidade, o consistorio únese á veciñanza para reclamar máis persoal sanitario.

Nos últimos 15 anos a poboación do concello de Sada medrou en 5.000 persoas. "Pero o número de facultativos asignados ao centro de saúde non variou neste tempo", explica Breogán Blanco en conversa con Sermos Galiza. O concelleiro de Promoción da Saúde sinala unha carencia notábel de profesionais, á que nas últimas semanas sumaron dúas baixas de longa duración e que o Sergas "non substituíu".

Cando chegou ao Goberno fixo un estudo para saber o rateo por habitantes de todo o persoal sanitario dispoñíbel. "Temos unha única fisioterapeuta para as 16.691 persoas censadas. A lista de espera é de seis meses. Na quenda de tarde temos un único facultativo para toda a veciñanza, unha única pediatra para máis de 2.000 crianzas", enumera o concelleiro, que se laia de terlle trasladado por escrito todos estes datos ao conselleiro de Sanidade, sen recibir a cambio unha proposta de solución, "nin sequera unha resposta", salienta.

Segundo Breogán Blanco, o centro de saúde de Sada está saturado. "Polas tardes compartimos PAC co concello de Bergondo, o que incrementa as exixencias asistencias. O único remedio que aplica a Administración é dobrarlle a quenda a quen xa traballa pola mañá para que, ademais de atender a súa propia axenda, excesiva, asuma a das compañeiras de baixa". Así, incide Blanco, "é imposíbel ofrecer unha atención digna". De aí, di, a protesta das profesionais sanitarias mais da veciñanza para reclamar máis persoal e mellor asistencia sanitaria.

Outra Atención Primaria

Namentres, na Comisión de Sanidade celebrada no Parlamento, a deputada nacionalista Montse Prado reclamou unha modificación das áreas sanitarias co fin de crear “unha verdadeira estrutura de Atención Primaria” que responda ás demandas das usuarias. Fíxoo en resposta ao director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, quen xustificou os varios estudos técnicos encargados para a renovación do servizo, malia a non ofreceren aínda ningún resultado resultado.

Cómpre unha modificación das áreas sanitarias co fin de crear “unha verdadeira estrutura de Atención Primaria” que responda ás demandas das usuarias.

Prado criticou que xustificara o pagamento a uns expertos mentres hai profesionais da sanidade pública que non contan para o Partido Popular con esa “cualificación” e alertou da tardanza das conclusións dos grupos de traballo. Neste sentido, subliñou que se non se abordan as propostas reais para a carteira de servizos, o Sergas seguirá sen resolver “ningún dos grandes problemas da Atención Primaria. Deixen de burlarse dos profesionais e muden o rumbo para tomar as medidas que se precisan”, recalcou.