A Xunta ordena o sacrificio de todos os visóns dunha granxa de Carral cun gromo de gripe aviaria

Un visón engaiolado nunha granxa. (Foto: WWF)
A granxa conta con 8.369 femias reprodutoras e 43.617 crías desleitadas.

A Xunta procederá ao sacrificio de todos os visóns dunha granxa de Carral na que se detectou un foco de gripe aviaria. Así o veñen de confirmar a Europa Press fontes da Consellaría do Medio Rural, que apuntaron tamén que, polo de agora, non se detectaron máis casos.

En relación a este gromo, sinalaron que se trata dun subtipo de virus que se está a dar nos casos rexistrados no Estado español no último ano, tanto en aves domésticas como en aves silvestres.

O caso detectouse tras a aparición na granxa de animais enfermos con sintomatoloxía respiratoria, así como un incremento anormal da mortalidade nela, polo que se tomaron mostras para a diagnose de varias enfermidades, entre elas a provocada polo virus SARS-CoV-2, así como a gripe aviaria.

Como resultado destas análises, o persoal veterinario achou dous casos positivos en influenza A (H5N1), que foron comunicados ás autoridades de Saúde Pública.

Logo de recibir os resultados, a granxa, que conta con 8.369 femias reprodutoras e 43.617 crías desleitadas, foi inmobilizada polos servizos veterinarios da Consellaría, determinando a prohibición de entrada e saída de animais e doutros materiais que puidesen vehicular o virus e o censado dos animais presentes.

Tamén se restrinxiu a entrada e saída de vehículos externos e de persoas alleas á explotación, alén de levar a cabo un reforzo de todas as medidas de bioseguridade e de limpeza e desinfección, así como a adopción doutras para minimizar o contacto do persoal da granxa cos visóns.

Ao tratarse dun caso de saúde pública, a valoración de risco realizada coordinadamente entre as consellarías de Sanidade e de Medio Rural levou a que a Xunta optase polo sacrificio dos animais, que se executará nos próximos días, así como a eliminación dos posíbeis materiais da explotación que puidesen constituír unha fonte de contaxio e máis a correspondente limpeza.