Sacar a obrigatoriedade da Relixión do bacharelato galego

O colectivo Filosofia Si considera que a obrigatoriedade de ter que estudar esa materia específica para poder cursar optativas como Coeducación, Antropoloxía ou Robótica vulnera os artigos 14 e 16 da constitución. Presentou unha queixa perante a Valedora do Pobo por este motivo. 

Alumnos e alumnas de bacharelato que teñen que cursar relixión católica sen querelo. Non é que os obriguen os pais e nais ou o propio centro. É que o propio deseño de itinerarios do bacharelato na Galiza leva a que esa ou ese estudante se quer cursar determinadas materias acabe tendo que coller tamén Relixión católica (que é materia específica) para poder cumprir cos requisitos do itinerario.


Isto supón a vulneración de liberdades e dereitos amparados nos artigos 14 e 16 da constitución española, consideran desde o colectivo Filosofía Si. Por iso esta cuarta feira rexistraron perante a Valedora do Pobo unha queixa, que posteriormente tamén oficializaron no Parlamento de Galiza. Pídenlle á Valedora que “realice as xestións oportunas para garantir que a Consellaría de Educación ampara o dereito constitucional á liberdade de ideoloxía, crenza ou credo de todo o alumnado de 1º de Bacharelato galego”. Propoñen, ademais, que se estude a posibilidade de permitir as e os escolares a obxección de conciencia e ser eximido de cursar esa materia de Relixión católica.


“É inadmisíbel que no século XXI aconteza isto”, sinalou Carme Adán, profesora no Politécnico de Vigo, durante o rexistro da queixa: “Hai alumnas e alumnos que non collen Coeducación como optativa para non ter que estudar a materia de Relixión”. Para Eva Garea, tamén do colectivo Filosofía Si, “as materias opcionais de 2 horas están afectadas por esta obriga de 'unirse' a Relixión”. Un sen sentido, indican, ao que queren poñer fin. “Isto é unha mostra clara de como a Relixión católica está proriozada na Lomce”, sostén Adán.


O decreto 86/2015 determina que en bacharelato a Relixión é unha materia específica e o alumnado ten que cursar dúas materias específicas para poder titularse. “Isto implica que cando ao alumnado lle ofertan materias optativas autonómicas como Robótica ou Coeducación para o século XXI a distribución da carga horaria para poder titular obrígao a coller necesariamente Relixión católica case na totalidade dos centros galegos”, explica o colectivo de docentes de Filosofía. “Teño alumnas que non son crentes, nin sequera están bautizadas e que teñen que estudar Relixión aínda que non quieiran para poder facer a materia que queren, Coeducación. Non ten lóxica”, sinala Carme Adán.