Sabes que son os bolos do pote?

Bolo do pote elaborado coa receita tradicional de Mazaricos. (Foto: Deputación da Coruña)
Mazaricos vivirá esta fin de semana a XXIV edición da festa gastronómica que os degusta.

Alén do lacón con grelos, tan típico do tempo do Entroido, e do tradicional cocido galego que se celebra non só en Lalín, senón en moitas outras localidades do país, hai un prato galego, tamén típico destas datas, moito menos coñecido: o bolo do pote

Detrás deste nome tan enigmático atópase unha receita ben sinxela (se non se consideran os segredos e os trucos de cada cociñeira ou cociñeiro). A base deste prato é a fariña de millo, combinada coa de centeo para darlle máis consistencia. Estas fariñas mestúranse con auga para formar unha masa, á que se lle pode engadir touciño, panceta, chourizo, herbas como as nébedas, cebola, allo, uvas pasas, piñóns... Hai receitas para todos os gustos.

Compáctase a masa o máximo posíbel e dáselle a súa característica forma redondeada. Finalmente introdúcese para a súa cocción en auga do caldo, que debe estar a ferver. Tendo en conta o último paso da receita, é fácil comprender que o bolo do pote se deguste na maioría dos casos acompañando o cocido.

XXIV Festa do Bolo do Pote de Mazaricos

A veciñanza do lugar da Picota no Concello de Mazaricos (comarca de Xallas) celebrarán unha nova edición da Festa do Bolo do Pote, unha degustación gastronómica que volve ao seu formato tradicional após dous anos marcados pola pandemia da Covid-19.

Os asistentes e as asistentes a esta festa gastronómica poderán desfrutar durante toda a fin de semana dos menús degustación de cocido e bolo do pote en oito bares e restaurantes do lugar. A organización da festa recomenda facer unha reserva previa no estabelecemento escollido para realizar a degustación.

A XXIV edición da Festa do Bolo do Pote continuará este domingo coa ruada do grupo de gaitas de Mazaricos e coa degustación do bolo do pote, elaborado coa receita tradicional de Mazaricos. O festín terá lugar no campo da feira. A charanga Alambique porá a música na sobremesa.

Ademais, se o tempo o permite, a organización da festa gastronómica porá inchábeis a disposición da rapazada do Xallas, tanto en horario de mañá como en horario de tarde. Tamén os amantes do motor terán opción de desfrutar da festa coa Miniquedada Bolo do Pote 2023: unha concentración de coches Mini.

A festa está organizada polo Concello de Mazaricos, en colaboración coa Asociación de Amas de Casa El Hórreo, a Asociación Veciñal Monte Picoto e o restaurante e hotel Casa Jurjo.