Sabes cal é o concello máis redondo da Galiza?

Rábade, na comarca de Lugo, é o concello máis convexo da Galiza. (Foto: Jose Luis Cernadas)
A Galiza é o 14º territorio máis redondo do continente europeo. 

A páxina Sorting regions by shape, que clasifica os mapas de todas as rexións europeas segundo varios criterios xeométricos (circularidade, orientación, convexidade, alongamento...), foi modificada por Pilar Mera, do bloque pi-comunicación.

Grazas a esta modificación, podemos saber que concello galego é o máis circular, cal é o menos rectangular ou que localidade é a máis convexa.

Resulta que o concello de Coles, na comarca de Ourense, é o máis redondo do país, cunha circularidade de 91,8%. Ségueno Toques (Terra de Melide), con 90,7%, e Xunqueira de Espadanedo (Allariz-Maceda), con 90,6%. Pola contra, Mañón (Ortegal), cunha circularidade de 42,8%, é o concello menos circular da Galiza.

En canto á “rectangularidade”, o gañador é Carballeda de Valdeorras, un concello que é 93,3% rectangular. Na outra punta da escala está A Illa de Arousa (O Salnés), un índice de rectangularidade de 34,5%.

Convexidade e cuadratura

O concello máis convexo da Galiza é Rábade, na comarca de Lugo, con 91,6% de convexidade. No segundo posto desta listaxe está A Bóla (Terra de Celanova), que é convexo en 91,2%.

Ordes, O Saviñao (Terra de Lemos) e A Lama (Pontevedra) son os tres concellos galegos máis cadrados, con 82,8% e 82,3% de cuadratura, respectivamente. Bueu, na comarca do Morrazo e cunha cuadratura de 11,3% é o concello da Galiza menos cadrado.

Circularidade europea

Segundo a páxina Sorting regions by shape que permite clasificar os territorios europeos seguindo os mesmos criterios, a Galiza (88,1%) ocupa o posto 14º en redondez, por diante do centro do Val do Loira, en Francia, e por detrás de Sud-Vest Oltenia, en Romanía.