MÁIS

Unha subida ao ceo das Cíes

O faro de Cíes, elemento de referencia do lugar e vixía da zona. / Luna Marina
Un paraíso que emerxe da ría de Vigo.

Vixiando a ría de Vigo, as illas Cíes érguense no océano coma se dun oasis 'terreal' se tratase. Este arquipélago está composto por tres illas de distinto tamaño. Na actualidade, non habita ninguén nelas excepto o servizo de vixilancia, e conta con pequenos bares e un cámping para facilitar a atención do turismo. 

As illas están protexidas baixo o regulamento de Parque Nacional, polo que, co fin de garantir a súa conservación, hai certas restricións neste microparaíso. Ningunha delas interfire o noso deleite na visita. O único modo de achegarse ás Cíes é en barco e a illa de Monteagudo é a porta de entrada. Percorrer seus recunchos permítenos descubrir pequenos areais e furnas e tamén longas praias de area branca como a de Figueiras. De obrigada visita resulta o Alto do Príncipe, pois así teremos unha vista paisaxística moi completa. Se queremos observar a outra cara da moeda, o Faro do Peito pode ser unha boa opción. 

Tamén podemos mudar de illa. É tan doado como retornar ao porto e tomar a outra dirección. Chegamos entón á illa do Faro. Andando? Pois si. A longa praia de Rodas e o Lago dos Nenos fan de unión entre illas, formando unha pintoresca paisaxe, polo que esta andaina ten que estar incluída na listaxe de "cousas que visitar" aquí. Nesta illa temos até dous faros. Podemos visitar os dous, elixindo diversos camiños, ou ben achegarnos aos dous. Se a elección é o Faro de Porta, contemplaremos a illa de San Martiño, de acceso máis limitado, pois poucas son as embarcacións que se achegan ao seu pequerrecho porto. Se a elección é o Faro de Cíes, teremos unha visión das illas e do horizonte digna de moitas fotografías, previa subida lenta e sinuosa. Do século XIX, este faro domina o monte máis alto e o seu resplandor pode verse a case medio centenar de quilómetros lonxe da torre. 

Parece incríbel, mais non é estraño que nunha mesma xornada unha espesa néboa nos impida ver máis alá dunha cuarta, pero pouco tempo despois se despexe toda a vista. Por iso, visitar dúas veces o mesmo lugar na xornada non debe ser nada descartábel e, aínda máis, é moi recomendábel. O verdadeiro encanto de Cíes!


CON LAGARTOS

Lagarto ocelado nas Illas Cíes.

A fauna das illas é grande e pódese contemplar camiñando ou, xa no mar, nadando.

  • Atopamos distintos tipos de pequenos réptis como o lagarto ocelado, fauna mariña como delfíns e cabalos de mar, ou aves como o corvo mariño cristado ou a gaivota patiamarela, raíña do lar coa colonia máis grande de Europa actualmente.


UNHA VOLTA AO PASADO

Sardiñada nas Illas Cíes.

Ao longo da historia, as illas Cíes gardaron sempre a súa esencia senlleira derivada, precisamente, das características da insularidade. As fontes e vestixios sinalan que foron habitadas desde tempos prehistóricos. Coa Idade Media, a propiedade pasou a mans da Catedral de Santiago e fundáronse mosteiros nelas. Desenvolveu a súa idiosincrasia durante séculos, pero a chegada de piratas e a inseguridade das costas provocou a súa decadencia. Coa construción de edificios defensivos no século XIX, a poboación volveu e, posteriormente, instaláronse fábricas de salgadura. Cando fecharon, caeu o número de habitantes e deuse paso ao turismo e á conservación ambiental.