Medio Rural culpa os concellos da falla de brigadas antiincendios

Unha muller, no medio do terreo calcinado na Serra do Courel, o pasado mes de agosto. (Foto: Europa Press)
Municipios advertiran de "atrasos" nos convenios.

A Xunta responsabiliza os concellos do feito de que as brigadas antiincendios municipais non estivesen constituídas nalgunhas zonas afectadas polos fogos que arrasaron miles de hectáreas. O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez Vázquez, recoñeceu na comisión de Agricultura do Parlamento galego que as brigadas constituíronse “tarde” este ano, mais descargou de toda responsabilidade a Xunta, “cada concello constitúe as brigadas se quere, o que fai a Xunta é financialas a través de convenios”. 

En resposta a unha pregunta da deputada do PSdeG Carmen Rodríguez, sinalou que o borrador do convenio foi remitido ás entidades locais o 3 de xuño e que os concellos puideron iniciar a constitución das brigadas a partir do 30 dese mes e até o 15 de agosto. Engadiu que existiron “dificultades” para atopar titulados que puidesen asumir o cargo de xefe de brigada.

Concellos como Castrelo de Miño, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Quiroga, Carballeda de Valdeorras ou o Barco de Valdeorras carecían de brigadas municipais cando se viron afectadas polos fogos debido aos "atrasos" da Xunta á hora de asinar os convenios. Un problema análogo sucedeu cos convenios promovidos polo Goberno galego para financiar aos concellos o uso de motobombas. Un feito que provocou que en localidades como Folgoso do Courel, algúns dos vehículos non puideran ser utilizados para combater os lumes.

Na súa intervención, a deputada socialista expuxo que a maior parte dos convenios de colaboración foron dotados pola Consellaría de Medio Rural “coa  mesma contía económica todos os anos, obviando a suba do SMI”. Apuntou, así, á imposibilidade de que a dotación orzamentaria cubra o custo das nóminas e o abono de cotas á Seguridade Social das persoas contratadas.

Podemos denuncia incumprimentos

Por outra parte, o deputado de Unidas Podemos no Congreso Antón Gómez-Reino informou onte da presentación no Congreso de preguntas dirixidas ao Goberno estatal acerca dos “constantes incumprimentos en materia ambiental” da Xunta para a protección dos espazos incluídos na Rede Natura 2000. Nas preguntas denuncia a "inexistente política forestal que deixa de lado os criterios de sustentabilidade dos bosques" e salienta que a Galiza "é a comunidade con menor superficie protexida" en Rede Natura do Estado, "un 11,97% do seu territorio fronte ao 27%" de media.