'Nós Diario' non se publicará o sábado por descanso na prensa

Un exemplar de 'Nós Diario' na escultura de Ricardo Carvalho Calero en Santiago. (Foto: Arxina)
Este 30 de marzo non sairán á venda os xornais en papel da Galiza de forma excepcional. O 'Sermos' adiántase á sexta feira.

As e os lectores habituais de Nós Diario non atoparán este sábado de Semana Santa o seu novo exemplar no quiosque ou punto de venda que teña de referencia. Trátase dunha situación excepcional por ser un dos tres festivos do ano nos que non se publica a prensa diaria en xeral. Dada a tradición das publicacións en papel —coa que moitas persoas xa están familiarizadas—, este 30 de marzo non haberá un novo número do xornal nas rúas da Galiza.

Será de forma puntual, ao igual que acontece cada 1 de xaneiro e 25 de decembro. En calquera caso, o diario non faltará á súa cita coas persoas lectoras e subscritoras, que poderán seguir toda a actualidade do país a través da nosa edición dixital, nosdiario.gal. Ademais, a través da nosa loxa en liña poderán mercarse outros diarios ou cadernos para a súa lectura na nube.

O Sermos Galiza, esta sexta feira

Dado que o sábado non haberá xornal en papel, adiántase a publicación da revista cultural Sermos Galiza a esta sexta feira, día 29. Ao prezo habitual de 3,20 euros, poderá obter esta sexta o Nós e mais o Sermos, que protagonizan desta volta a danza de Fran Sieira, o 'Castelao artista' da man de Anxo Rabuñal e Benito Vicetto.