Este sábado no Carballiño: manifestación contra a represión e pola absolución de Emilio Cao

Imaxe: @EsquerdaUnida

O mozo afronta unha petición de 5 anos e 8 meses de prisión. Foi detido na mobilización das Marchas da Dignidade en Madrid de maio de 2014.

O 22 de marzo de 2014 ducias de miles de persoas procedentes de diferentes partes do Estado manifestábanse en Madrid, convocados polas Marchas da Dignidade, contra as políticas da Troika e polo dereito a “pan, traballo e teito”. A policía española procedeu nesta xornada á detención de 30 persoas, entre ellas tes galegos, un deles Emilio Cao, un mozo de 18 anos de idade, do Carballiño e integrado no colectivo Estudantes sen Futuro. Piden agora para el 5 anos e 8 meses de prisión acusado de agresión a un axente, o que nega.

Este sábado, 3 de decembro, O Carballiño acollerá unha manifestación baixo o lema 'Contra a represión. Todos somos Emilio Cao', que comezará ás 12:00 horas. Os convocantes, as Marchas da Dignidade, prevén que esta sexa masiva. Que nas rúas desta vila ourensá se dea un exemplo de solidariedade e de rexeitamento da represión.

En declaracións a Europa Press, Emilio Cao recoñece a preocupación por unha petición tan alta, mais mantense firme en que este tipo de peticións non lle van facer recuar nin abandonar. “Vou seguir organizado politicamente”.

Manolo Caamaño, secretario xeral da CUT, chamaba nun recente artigo a asistir á manifestación no Carballiño “para reclamar a absolución de Emilio Cao, que o único crime que cometeu é o que levan feito as Marchas da Dignidade trala súa constitución: defender os intereses das capas populares que ven minguadas cada día máis os seus dereitos civís e laborais. De forma pacífica e con firmeza”.