Mudanzas en 'Nós Diario'

María Obelleiro: "Queremos abrir o xornal á participación de máis voces"

María Obelleiro, directora de 'Nós Diario'. (Foto: Arxina)
A directora de 'Nós Diario', María Obelleiro, explica nesta conversa as mudanzas que incorporará o diario en papel e o semanario ao longo do mes de febreiro, coincidindo co terceiro ano da posta en marcha do medio de comunicación.

O 2 de xaneiro de 2023 fixéronse tres anos desde a saída de Nós Diario, que balance fai?

Diría que satisfactorio, por sermos capaces de sacar adiante un proxecto destas características coas dificultades engadidas provocadas pola irrupción da pandemia cando levabamos pouco máis de dous meses de rodaxe na redacción. A isto tamén hai que engadir que xogamos en inferioridade de condicións a respecto doutros diarios en papel, que contan coas axudas públicas da Xunta da Galiza que negan, de maneira sistemática a Nós Diario malia cumprir as condicións recollidas nas convocatorias.

Aínda que apuntei que o balance é satisfactorio, non somos de caer na autocompracencia e somos conscientes de que temos moita marxe de mellora e precisamos consolidarnos como medio. Non quero perder a oportunidade de agradecer, de corazón, o apoio de todas as persoas subscritoras, que fan posíbel que poidamos exercer un xornalismo crítico, coas mans libres, máxime nun contexto marcado polo encarecemento do papel, cun incremento de custos de produción que nos impide poder crecer todo o que pretendiamos.

Precisamente, nesa marxe de mellora da que fala, entran os novos cambios no diario en papel e no semanario nos que se está traballando.

Si, queremos ofrecer máis información e tamén máis análise, abrirnos á participación de máis voces especialistas en diferentes campos. Comprobamos que as lectoras e lectores gostan das análises que fomos publicando na sección de Galiza o pasado ano e a partir de febreiro incorporarémolas tamén ás seccións de Economía e Traballo, Internacional e Cultura.

Apostamos por unha pluralidade de sinaturas que representan distintas tendencias, sempre tendo como norte os intereses galegos, que é ao que responde a nosa liña editorial e o traballo diario que facemos. Estas pezas analíticas permiten á lectora e ao lector ir máis alá da información que podemos ofrecer as xornalistas, ao afondar na explicación e na divulgación de cuestións nas que estas persoas son estudosas.

Fala de máis análise. Prevén máis cambios?

Máis información e máis participación. Transformamos a Tribuna, aínda que á vez, abrimos un espazo á participación das lectoras e lectores: as cartas á directora, para fomentar o intercambio de ideas.

Ademais, co fin de introducir máis información, desaparecen as publicacións coleccionábeis e os suplementos temáticos dos sábados, aínda que isto non será permanente, pois prepararemos coleccionábeis cando algunha ocasión o requira, nun formato máis acaido. Ampliaremos as páxinas dedicadas a Economía e Traballo, Internacional e Cultura e voltamos ás aperturas de dupla páxina, co fin de tratar temas máis a fondo. Por outra parte, introducimos algunhas novidades na sección de Opinión.

Prevén tamén mudanzas no semanario Sermos Galiza.

Ao longo do mes de febreiro, incorporaremos novas sinaturas de persoas referentes no campo da literatura, coas que abriremos cada sábado o semanario e facemos unha aposta pola diversidade temática, con novas seccións.