Sanidade defende "aproveitar a vacinación da gripe" para pór as terceiras inoculaciones contra a Covid

Persoas agardando após recibir a vacina en Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Sergas pon data de caducidade ás vacinacións masivas de segundas doses: este sábado, 2 de outubro.

O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Flores Arias, calcula que o 2 de outubro, sábado, concluirán as "vacinacións multitudinarias" de segundas doses contra a Covid-19, tras o que terminará "o uso desas grandes áreas de vacinación".

Así o manifestou Flores a preguntas dos medios con motivo dunha visita ao centro de saúde de Abegondo, onde ratificou a "idea de, neste momento de vacinación", cunha cobertura "moi ampla" en Galiza, "ir desmantelando ou pechando eses centros".

Por iso, o xerente do Sergas explicou que manteñen a posibilidade de recibir a vacina contra a Covid-19 nos 14 hospitais galegos esta semana sen cita, de 9 a 21 horas.

"Imos deixar terminar esas vacinacións multitudinarias de segundas doses", explicou para, cando ocorra "o día 2 de outubro na última área sanitaria", matizou, "terminar co uso desas grandes áreas de vacinación".

Preguntado sobre a administración da terceira dose de reforzo contra a Covid-19 aproveitando a campaña de vacinación contra a gripe, Flores lembrou que na actualidade "ponse en pacientes con perfil concreto", en residencias de maiores, pero "non está aprobada" para o resto.

"A idea é, o que pedimos desde Galiza, aproveitar a vacinación da gripe para pór a terceira dose (contra a Covid)", ratificou. "Cando saibamos a estratexia de vacinación a nivel nacional, actuaremos en consecuencia", concluíu.