CARTAS AO DIRECTOR

S. O. S. LAGARES

O Río Lagares, na súa desembocadura xunto á praia de Samil

Son un namorado da natureza e un defensor desas zonas de interese natural a conservar, polo que despois de tanto escoitar e tanto ler sobre ese tramo de paseo do Lagares, unha mañá, cando o sol comezaba a espertar boteime andar pola beira do río, dende a ponte de Manuel Álvarez ata chegar A Ponte de Cabral. E, a dicir verdade, é que quedei bastante desmoralizado e preocupado. 

 

O que máis me preocupou non foi o empedrado co que comeza e remata ese tramo de senda peonil a xeito de alfombra, as árbores de gran porte que se botan de falta no río, a mordida ao río para deixar dous turróns no medio da canle, ou o derrubo do elemento etnográfico das comportas, senón que foi o enfaixamento da senda, que percorre delimitada entre pedras. Pedras con perfís moi afiados, que saen á superficie ameazantes. 

 

Pais e nais percorren o paseo acompañados dos seus fillos, que brincan e corren dun lado para outro sen parar. Non quero pensar se alguén cae sobre esas afiadas pedras… A quen lle corresponda debera de preocuparse dese perigo en potencia, que ameaza a seguridade dos cidadáns. Vén á miña cabeza o accidente do ciclista contra unha pedra  no monte de Valadares.

 

Non quero pensar se alguén cae sobre esas afiadas pedras… A quen lle corresponda debera de preocuparse dese perigo en potencia

 

Non descubro nada novo se digo que o estado de mellor conservación do Lagares atópase na parte media-alta de Cabral. Neste treito, curso abaixo da ponte do Riomao, atópase o espazo identificado como Zona de Interese Natural do Souto Vello, onde  as ribeiras do río son dun alto valor ecolóxico. 

 

O paso da senda peonil polo Souto Vello causará un estrago se ninguén o remedia, dada a fraxilidade, naturalidade e singularidade da vexetación, fauna e chan. Calquera intervención por moi pequena que sexa, será unha ameaza para este enclave natural, xa que   provocará unha alteración no seu ecosistema, dada a súa vulnerabilidade.         

 

É imprescindible que calquera actuación sexa controlada por persoal cualificado, a fin de impedir que se degraden eses valores naturais, paisaxísticos e culturais, que aínda abrigan algúns tramos do Lagares. Debemos evitar actuacións salvaxes como o recheo de grandes dimensións con todo tipo de escombros de obra, que transformou o pequeno e fermoso val de Valadas nunha superficie plana, cambiando totalmente a tipoloxía daquela Zona de Interese Natural. Dende  aquel atentado ecolóxico que soterrou o regato,  a fonte de Valadas non deu de beber a ninguén e o rodicio do muíño nunca máis xirou. 

 

Augas de Galicia, o Concello de Vigo e a Xunta de Galicia non poden delegar actuacións como a do Lagares a intereses puntuais, rechamantes e personalistas, que teñen como base a improvisación. Aí está a paralización por parte da Xerencia de Urbanismo de obras da Comunidade de Montes de Cabral, consistentes en muros de formigón na ribeira do río, ou o publicado polo Decano: “É público e notorio que nos montes Gorxal, Cotogrande, Loureiro, Baladas e nas fincas de Carzuh e do Cura hai miles de toneladas de escombro”. Faro de Vigo, 25-1-2017, páx. 53, ou o arrase da cultura milenaria, facendo desaparecer as grandes pedras das mámoas de Cotogrande.  

 

Vostedes señores que están ao fronte da Administración pública son os responsables de calquera accidente ou de calquera alteración que se poida dar naqueles lugares no que a Administración teña competencia.

 

Brais Carreira, estudante de bioloxía. Vigo