@s cristiáns de base de Galiza pide que o 25M non se vote aos partidos do 'austericidio'

Voto eleccións

Somos Igrexa, Irimia, Encrucillada, Mulleres Cristiás Galegas  e outras integradas na  Coordenadora de Crentes Galeg@s achacan a crise á voracidade do capitalismo e ás políticas da UE que levan o ''emprobrecemento''.

O cristianismo de base en Galiza considera necesario “colaborar na transformación da sociedade nesta hora de rebeldías tan necesarias”. Unha reflexión feita, din, “despois de revisar as nosas vidas e as dos nosos colectivos á luz das “Rebeldías de Xesús de Nazaret”.

Somos Igrexa, Irimia, Encrucillada, Mulleres Cristiás Galegas  e outras integradas na  Coordenadora de Crentes Galeg@s e a nivel estatal no Colectivo REDES CRISTIÁS (que integra máis de 250 asociacións e entidades en todo o Estado)  realizaron en Compostela a súa Asemblea Anual, onde acordaron facer público un comunicado co gallo dos comicios europeos do 25 de maio.

Un comunicado que inician cunha reflexión sobre a crise: “Denunciamos que a situación actual de crise económica foi provocada polo sector financeiro do capitalismo e agrandada e estendida pola aplicación de políticas restritivas e de control do gasto público por parte da Unión Europea, que están a supoñer o empobrecemento de moitas persoas e familias”.En base a isto, estes colectivos de cristianismo de base piden “que non vote a ningún dos partidos que teñen apoiado este tipo de políticas”.

Renda Básica Universal

Aliás, todos estes colectivos avogan por “un reparto xusto da riqueza que entre todos e todas producimos”, motivo polo cal, afirman “esiximos a implantación canto antes dunha Renda Básica Universal que permita a vida digna de tódalas persoas”.