@s afectad@s pola Hepatite C desvelan os nomes da subcomisión que nega medicamentos

Doentes de Hepatite C

Despois de que a consellería de Sanidade se negase a publicar a composición do grupo que ten a última palabra sobre a medicación a doentes, a plataforma filtra os nomes dunha subcomisión cuxa existencia critica e na que hai altos cargos do Sergas, dos que solicita posicionamento.

 

A plataforma galega de afectad@s pola Hepatite C desvelou este sábado a composición da subcomisión que concede ou nega a medicación a estes enfermos e, despois, instou aos seus membros a explicar "publicamente" se "avalan" os criterios que mantén dita subcomisión. Esta revelación prodúcese despois de que a propia plataforma ofrecese un prazo de 48 horas á Consellería de Sanidade para que fixese pública a composición desta subcomisión. 

Así, e ao rexeitar a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, a publicación dos nomes dos integrantes de dita subcomisión, afectados por Hepatite C desvelaron finalmente a súa composición. En concreto, a mesma está formada polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Félix Ruibal; a subdirectora xeral de Farmacia do Sergas, Carolina González Criado; o xefe do Servizo Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, Juan Turnes; Ignacio Martín Granizo, un médico do Servizo Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) e Santiago Tomé Martínez, outro médico do Servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e membro da unidade de Patoloxía e Transplante Hepático de Galiza.

A plataforma non nega a cualificación das persoas, pero quere saber se avalan os criterios gobernamentais

Tamén integran esta subcomisión Francisco Suárez López, médico do Servizo Dixestivo do Chuac Ángeles Castro Iglesias, unha profesora titular da Facultade de Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña e médico especialista en enfermidades infecciosas; Luís Margusino, farmacéutico hospitalario do CHUAC; e José Antonio Valcárcel Nogueira, do servizo de Calidade e Seguridade en medicamentos e produtos sanitarios, do servizo xeral de Farmacia e da dirección xeral de Asistencia Sanitaria. 

A plataforma galega de afectados pola Hepatite C considera que o persoal que conforma este grupo está "perfectamente cualificado" -algúns integrantes tratan a estes doentes-, aínda que cuestiona a propia "existencia" da subcomisión.