Rosa Rojo: "O rural precisa internet, hai quen volvería da cidade pero que non ten como traballar alí"

Rosa Rojo, impulsora de Brétemas, é deseñadora gráfica e fotógrafa (Imaxe: Nós Diario)
'Estou até a cona' é a oración impresa nas camisetas, sacas ou suadoiros que Rosa Rojo deseña en Ribadavia. Brétemas é o nome da súa tenda en liña, na que vende prendas con lemas en galego como 'Viva a Ruralité', 'Brava' ou 'Xeitoso'. Rojo fala con Nós Diario sobre as vantaxes de traballar ao carón do río Avia. 

Cando comeza Brétemas?
O proxecto nace a raíz de quedar no paro, despois de nove anos nunha empresa. Case me veu ben, porque non estaba a gusto. Comecei montando unha tenda en Ribadavia, con viños e produtos de artesanía e como tamén me dedico á fotografía e ao deseño gráfico arranquei vendendo láminas e postais propias e, máis adiante, camisetas e suadoiros. Puxen en marcha o portal en liña, comprobei que funcionaba e, cando fiquei embarazada, por conciliación, tomei a decisión de centrarme nos deseños e fechar o local.  

Cantas veces escoitou 'Estou até a cona' antes de crear a camiseta?
Un montón! Sobre todo ás miñas amigas, e eu tamén a teño dito moitas veces. Cando creei a liña de 'Estou até a cona' foi a raíz dunha tempada na que nas noticias saían constantemente asasinatos machistas, como un tema máis do día. Pensaba "pero, outra vez? que está a pasar?". Tiven a idea de empregar esa frase nunha camiseta, ás miñas amizades encantoulles e animáronme a levala a cabo. Semella que din no cravo, e teño que dicir que hai moitos homes que están até a cona tamén.

Na roupa xoga con cualificativos: as mulleres son 'bravas', os homes 'xeitosos'. 
Procuro encarrilar o meu proxecto por aí, saír do estereotipo de que  o home ten que ser forte, pois a muller tamén pode selo! Da mesma maneira que eles son sensíbeis e teñen cualidades asociadas tradicionalmente ás mulleres. Estou a pensar en facer unha liña para crianzas, porque pensei que este tipo de tópicos xa ficaran atrás e a través de ter a miña filla comprobei que non. É certo que crear roupa para homes cústame máis, polo xeral éme máis doado coa de muller. E que hai poucos que merquen as miñas prendas, case sempre son mulleres que as escollen para agasallar. Ti es riquiño, sábelo, pero non te atreves a levalo no peito. 

Lanzou outra liña enfocada máis no rural, inflúe vivir no Ribeiro?  
Nacín na Arnoia, toda a miña infancia tiven horta. Aínda que agora vivo en Ribadavia e xa non a teño vou visitar a miña familia, andar coas mans na terra resúltame liberador. Esas prendas naceron do confinamento, pensei moito no feito de que estamos moi cómodos nun piso até que, de repente, botamos de menos ese anaco de verde. Vese que de novo acertei, porque tivo moi boa acollida e ademais moitos dos paquetes que envío chegan a aldeas e vilas pequenas. Desde as Administracións públicas din que o rural é moi bonito, pero para turismo. O rural haino que coidar, hai que ofrecerlle servizos, darlle internet. Falei con moitas persoas que se desprazaron á cidade na procura de emprego e que volverían ao rural, mais non teñen ferramentas para traballar.

Cales son as vantaxes que lle ve a traballar fóra dunha cidade?
Vivo preto da familia, podo saír pasear ao carón do río cando quero. O taller de serigrafía co que traballo está no concello de Melón, lévao xente nova, e a imprenta está en Ourense, a vinte minutos en coche. 

Hai un debate cada vez máis amplo arredor da moda, da orixe do que mercamos, que opina vostede?
Eu teño un dilema aí. Gustaríame que a roupa se elaborase aquí, ou mesmo na Galiza ou Portugal, pero non está a ser doado. As fábricas que atopei exixen pedidos moi grandes que eu non podo xestionar ou prezos moi elevados. Polo momento, merco a través dunha empresa con certificados de traballo ético e de tecidos orgánicos, mais teño en mente ir mudando pouco a pouco porque a miña meta é facer todo na Galiza.