O rural galego ten o menor risco de gromo

Propagación xeográfica de Covid-19 a nivel municipal na Galiza. (Infografía: Verónica Rivadulla / Nós Diario)
Co obxectivo de predicir onde se producirán os vindeiros gromos de Covid-19 na Galiza, un equipo multidisciplinar desenvolveu un modelo matemático que permite sinalar as comarcas rurais do interior do país como os lugares con menor risco de padecer a aparición dun surto da infección.

Co obxectivo de predicir onde se producirán os vindeiros gromos de Covid-19 na Galiza, un equipo multidisciplinar desenvolveu un modelo matemático que permite sinalar as comarcas rurais do interior do país como os lugares con menor risco de padecer a aparición dun surto da infección.

A aparición da pandemia de Covid-19 en 2020 impulsou a comunidade científica a analizar e investigar os fenómenos asociados á expansión do virus, a póla máis visíbel desta innovación son as vacinas, porén, disciplinas como a matemática tamén abordan estas cuestións.

Para saber como se espalla o virus e poder prever que lugares teñen máis posibilidades de padecer un gromo e actuar en consecuencia, a Universidade de Santiago de Compostela desenvolveu un estudo multidisciplinar con Ángel Miramontes e José Balsa Barreiro, do grupo de Investigación e Análise Territorial do Instituto de Estudos e Desenvolvemento da Galiza, e Alberto P. Muñuzuri, Alejandro Carballosa e David García Selfa, do grupo de Física Non Lineal, publicado o 28 de outubro por Scientific Reports, da prestixiosa revista Nature.

Por medio dun modelo matemático alimentado con datos proporcionados polo Servizo Galego de Saúde até o 30 de xuño de 2020 -abarcando as dúas primeiras vagas da infección-, o estudo asigna un factor de risco a cada localidade, após ter en conta variábeis como a mobilidade xeográfica, a distribución da poboación e maila actividade en nodos chave de contacto social e laboral como aeroportos e portos.

Este sistema de predición permite “evitar surtos epidémicos en concellos con alto risco”, destacan os autores, permitindo reforzar o sistema sanitario onde é máis preciso.

O eixo atlántico da Galiza foi a zona cunha propagación xeográfica máis significativa, explican, “observamos como as áreas periurbanas que rodean as principais cidades adquiren maior protagonismo”, xustificándoo por unha banda en que é o lugar no que viven a meirande parte dos residentes, e pola outra na concentración de actividades industriais, o que provoca “un maior dinamismo baseado nun maior número de interaccións”.

Pola contra, as comarcas rurais do interior do país con menor densidade de poboación son as que presentan un risco de gromo menor. Iso si, no estudo sublíñase que o factor de risco non é unha certeza absoluta, “pode ocorrer que un núcleo con baixo risco experimente un surto antes que outra localidade de alto risco” por elementos incontrolábeis, como a visita dunha familia contaxiada.

Risco alto permanente nas cidades

Na maior parte dos escenarios posíbeis, as cidades de máis de 100.000 habitantes teñen un factor de risco alto para a expansión da Covid-19. No que atinxe ás vilas de tamaño medio, pouco menos da metade presentan un alto risco, tamén vencellado a súa situación xeográfica, mentres que o resto se asemella aos nodos rurais, cun risco de gromo practicamente nulo.