O rural enrédase na Eira da Xoana

[Imaxe tirada do blogue de Xixirín]

Dous proxectos desenvolvidos por mulleres, tres proxectos comunitarios, tres proxectos singulares e un roteiro por Ramil para coñecer as terras que a veciñanza está disposta a ceder para o seu aproveitamento agrogandeiro. Son os pratos fortes das Xornadas Rurais da Agolada.



A cooperativa Ribeira do Navia, creada por catro veciñas co obxectivo de fixar poboación na súa contorna. Fincada no concello de Negueira de Muñiz, producen alimentación en agroecolóxico baixo o selo Ribeiregas, mais tamén saben de bioconstrución e de traballos florestais.

Canda elas partillarán mesa as mulleres responsábeis da posta en marcha da Horta de Rourís, na parroquia de Burres, concello da Arzúa. Son as dúas experiencias que poderá coñecer esta fin de semana quen se achegue até a Eira da Xoana, na Agolada, para participar nas Xornadas Rurais organizadas pola federación agrogandeira Fruga e a asociación ecoloxista Adega. 

"Quixemos presentar os proxectos Ribeiregas e Horta de Rourís para recoñecer o importantísimo papel que as mulleres teñen no agro"

"Quixemos incluír unha mesa para presentar proxectos en feminino como modesto contributo a recoñecer o importantísimo papel que as mulleres teñen no agro", explicou Gabriel García, un dos organizadores das Xornadas que abrirán o sábado 22 xustamente con estes dous proxectos.

Proxectos comunitarios

Deseguido, máis unha mesa para partillar experiencias. Desta volta, tres proxectos constituídos de maneira comunitaria e baixo fórmulas asociativas. As xentes de Xixirín, Tornajeira e Taco Culto explicarán como se constituíron os seus espazos. 

"Xixirín, Tornajeira e Taco Culto van máis aló do estritamente produtivo e son proxectos vitais"

Sobre os alicerces da soberanía alimentar, a medicina natural e o software libre asentouse Xixirín, unha aldea autoxestionada formada por xente moza que se desprazou dos seus lugares de orixe para morar neste lugar construído por el@s propi@s. Desde outubro de 2011 producen alimentos para o autoconsumo e a economía da aldea susténtase facendo pan de maneira artesanal. 

A Tornajeira partilla con Xixirín a idea da autoxestión. Trátase dunha comunidade rural fincada no municipio de Vilamarín, en Ourense, que recupera e actualiza as formas tradicionais da produción agro-ecolóxica, moito máis ampla que as coñecidas certificacións oficiais.

E, por derradeiro, presentarase na mesma mesa o proxecto de Taco Culto, desta volta integrado por persoas que xa eran veciñas do lugar onde comezaron a traballar. Nas terras de Celanova encetaron o seu labor co obxectivo de crear postos de traballo estábeis na contorna, vivir do agro e desenvolver actividades nas escolas ligadas a esta forma de vida. 

Fragaira, La Cabeta e Vida de Aldea teñen en común que as terras en que se asentaron foron cedidas a xente que viña da cidade

"As tres son fórmulas asociativas diferentes mais que coinciden no substancial: a aposta na posta en valor de terras abandonadas e integradas por xente moza. Aliás, van máis aló do estritamente produtivo e son proxectos vitais, canda eles medrou unha forma de vida ligada á terra", subliñou Gabriel García. 

Proxectos singulares

A terceira e derradeira palestra do sábado partillarana tres proxectos singulares: Fragaira, La Cabeta e Vida de Aldea. Por que son singulares? "Porque, malia desenvolveren actividades tradicionais, sáense do habitual, das iniciativas habituais que xorden ao redor do agro e que son as explotacións de carne e, en menor medida, de horta malia o grande potencial hortícola que ten a Galiza", considerou García.

Así, sentarán á mesa os froitos silvestres producidos de maneira ecolóxica en Negreira; o cabrito e o cordeiro producidos en Pol; e o leite que chega de Outeiro de Rei. Para alén do xa sinalado, estes tres proxectos partillan máis unha cousa en común: quen os desenvolve chegou ao rural desde a cidade.

O obxectivo? "Facer rede". Por que? "Porque somos unha manchea de xente esparxida por toda a Galiza que estamos a facer moitas cousas e que entre nós non nos coñecemos"

Para o domingo, outras tres actividades programadas en Ramil, o lugar da Agolada onde se atopa a Eira da Xoana. O día encetará cunha visita pola aldea guiada pola veciñanza que está disposta a ceder terras e mesmo vivendas deshabitadas a quen queira vivir da terra. "Co debate fresco do día anterior", dixo García, chegará este peculiar tourné que virá seguido dun obradoiro de compostaxe e dunha palestra sobre software libre na procura dunha rede rural en que interconectar toda esta sabedoría.

Tecer redes para coñecer o que se fai no País

O obxectivo? "Facer rede". Por que? "Porque somos unha manchea de xente esparxida por toda a Galiza que estamos a facer moitas cousas e que entre nós non nos coñecemos. Sabemos de cousas que se están a facer fóra e non sabemos o que se fai aquí".

As Xornadas Rurais inclúen unha visita pola aldea de Ramil guiada pola propia veciñanza, que está disposta a ceder terras e vivendas deshabitadas 

E que é o que fai Gabriel García, a persoa que nos explicou a programación desta fin de semana na Eira da Xoana? Pois ten o seu propio proxecto autoxestionado e en chave agro-ecolóxica: unhas terras da súa propiedade sumadas a outras negociadas coa veciñanza para as limpar e as por a producir horta.

"Só levamos uns meses, mais xa comezamos cos cultivos e temos algúns animais para producir esterco. A idea é criar tamén animais para termos carne de consumo propio", explicou García. Todo isto na parroquia de Santa Cristina de Fecha, a uns quilómetros da capital do País.