Un rural diverso e habitado fronte ao lume

Un avión da UME descarga auga sobre o incendio que arrasou máis de 1.500 hectáreas en Cualedro e Monterrei (Rosa Veiga/Europa Press).
A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) aprema a Xunta a mudar a súa estratexia na loita contra os incendios forestais. Non abonda con sinalar unha "intencionalidade evidente", no caso particular dos últimos lumes declarados no distrito forestal XIV Verín-Viana, asegura, ao tempo que urxe unha "abordaxe sociolóxica, demográfica e económica do problema".
 

O maior incendio da Galiza no que vai de ano arrasou 1.535 hectáreas de monte nos concellos de Cualedro e Monterrei, na comarca de Verín. Converteuse, ademais, no maior lume forestal desde a vaga de incendios de outubro de 2017.

Desde a Xunta, axiña sinalaron a "intencionalidade evidente" da queima, unha acusación que a SGHN aproveita para interpelar a Administración galega a propósito non só da orixe dos lumes forestais senón da xestión da extinción, dous asuntos que deben ser abordados de forma diferente malia que exista unha clara relación entre ambos. "Despois de 45 anos, falar da intencionalidade dos incendios forestais é obvio. No que hai que incidir é  na raíz do problema. Por que se están a producir unha e outra vez lumes nos mesmo lugares?", cuestiona Serafín González, presidente da SGHN.

Desde a asociación censuran a conformidade da Xunta con "medidas estruturais a curto prazo" que se revelan ineficaces unha e outra vez. "Non é que non se dea chegada ao sitios para extinguir o lume. Na zona de Flariz, en Monterrei, hai 7 km de vías de acceso por cada quilómetro cadrado queimado. Tampouco é cuestión de cartos,  nin de falta de medios humanos nin materiais, ás veces propios dunha situación de guerra. A raíz do problema é sociolóxica, demográfica, económica e de xestión, e débese afrontar desde todas estas vertentes", afirma Serafín González.

Cambio de estratexia

A SGHN avoga por un cambio de estratexia na loita contra os incendios, xa que a política actual "é un fracaso". "Todos os esforzos deberan ir dirixidos a un rural con futuro e calidade de vida, baseado no aproveitamento dos recursos naturais sen necesidade da queima recorrente do monte, despoboado e abandonado", salienta o presidente da sociedade científica.

12.500 ha queimadas nun lustro

Segundo os datos recompilados pola SGHN nos últimos días sobre a incidencia do lume no sueste ourensán, desde 2015 arderon máis de 12.500 hectáreas. A partir das imaxes do satélite Copérnico, esta asociación dedicada ao estudo, divulgación, conservación e defensa do medio natural constatou, ademais, que dúas das zonas queimadas hai menos de tres anos volveron arder estes días, e que no último lustro houbo sete grandes incendios, de máis de 500 hectáreas cada un. "A fotografía aérea da última década é aínda máis pavorosa", avanza Serafín González, quen critica o gasto "que non investimento" do orzamento anual de máis de 170 millóns de euros do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais da Galiza (Pladiga).

Evitar que os lumes se repitan de forma cíclica, di, exixe reverter a estrutura do territorio. "O abandono dos usos múltiples do monte simplifica a paisaxe", cada vez máis homoxénea, sen rastro dun mosaico de bosque e cultivos, diverso e habitado,  con menor risco de incendios.