Victor Rivas, responsábel de e-monte

“O rural cambia e hai que dar novas respostas”

E-Monte comezou a perfilarse a mediados do 2014 mais non foi até dous anos despois, 2016, cando se materializou e saíu á luz. Desde entón, esta ferramenta dixital para a compra-venda de madeira foi un alicerce do que xurdiron novas ideas e plataformas, todas elas co rural como protagonista.

- Como xurdiu a idea de crear unha plataforma on line para a venda de madeira, detectabades que había necesidade dunha ferramenta deste tipo?

- Nós detectabamos que había un tipo de propietario forestal, que residía nas cidades e que non tiña tanto contacto co rural, e que tiña dificultades á hora de vender a súa madeira. Non sabía canto podía ser o valor da madeira que tiña, descoñecía a quen lla vender... Entón decidimos crear unha especie de mercado para facilitar estas transaccións.

 

- A partir desa idea e desa plataforma fostes desenvolvendo outras...

- E-monte é a primeira, unha plataforma on line de compra-venda de lotes de madeira entre os propietarios forestais e a empresa. En vez dos propietarios poñerse en contacto directamente cos madeiristas, ensinarlles a finca... rexistran a finca na nosa plataforma cun formulario moi sinxelo e os madeiristas a través dunha aplicación poden localizar a finca e visitala.

A raíz de E-monte houbo propietarios forestais que se poñían en contacto con nós para preguntar canta madeira podían ter na súa finca. Creamos un grupo operativo e incorporamos novas ferramentas, entre elas unha que permite estimar nas propiedades forestais canta madeira hai. Tamén había outros propietarios forestais que querían vender a finca ou parcela. Entón puxemos en andamento un portal, vendofinca.es, onde se poñían á venda e todas ben localizadas xeograficamente.

 

- Son ferramentas que teñen entre entre os seus destinatarios un tipo de xente non tan ligada no día a día ao rural

- Facilita as cousas. Eu sempre poño un exemplo, o dunha propietaria que estaba en Catalunya e puido vender a súa finca en Arzúa sen ter que perder días en vir e ensinar madeira aos contratantes.

Creamos tamén unha ferramenta ao detectar que había lotes reducidos, pequenos, de madeira, e que tiñan dificultades para atopar compradores de madeira, eran lotes que ficaban desertos, polo que esa ferramenta facilita agrupar eses propietarios para que poidan vender conxuntamente a madeira e así lles compense.

 

- Como foi neste tempo o recebemento destas plataformas?

- Están a marchar ben, cada unha ao seu ritmo. A que mellor acollida ten é a de vendofica.es, pois é máis similar a cousas que existen no mercado, como os portais inmobiliarios mais este con fincas. E

 

- O que si que non vos faltou neste tempo foi o recoñecemento a través de diversos premios e galardóns...

- Pois si (ri). Tivemos agora o premio da Deputación da Coruña á mellor iniciativa da provincia. Gañamos o Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego do Concello de Compostela. O primeiro que recibimos fora en 2015 da asociación Semente de Monforte, no Concurso de proxectos empresariais. Ese foi o primeiro impulso que tivemos.

 

- Experiencias e proxectos deste tipo sitúan o rural fóra desa vaga de imaxes e novas nas que este só aparece para falar de despoboamento, abandono...

- O rural precisa de novas iniciativas que o dinamicen. As cousas cambian moi rapidamente e hai que darlles resposta. Hai unha importante porcentaxe de propietarios de  monte que viven nas cidades e non teñen vinculación co rural, polo que precisan de axuda para a xestión e a venda de madeira. Ofrecer ese servizo permite que esas parcelas non acaben no abandono.