CASE 33.000 GALEG@S MENOS NESTES 2 ÚLTIMOS ANOS

Crise demográfica: o rural achega oito de cada dez habitantes que perde Galiza

A queda poboacional do país dáse en todos os ámbitos, da cidade ás pequenas vilas, mais bate con maior forza nos concellos de menos de 5.000 habitantes.

 

En 2014 só 46 dos 314 concellos non perderon poboación. No resto, o ano despediuse con menos habitantes dos que comezou. Nada raro nun país que leva desde 1986 encadeando máis defuncións que nacementos. Se a isto se lle engade a sangría da emigración, a perda de poboación é o resultado lóxico da ecuación.

Nesta perda constante e ano tras ano de habitantes (en 2013 perdemos 15.558 e no 2014, 17.245) non se libra ningún ámbito poboacional, se ben uns sofren máis que outros. Así, no rural esa perde de habitantes multiplica por tres a das zonas urbanas. De cada 10 habitantes que perde o noso país, 8 son do rural.

Os dados indican que nos concellos de menos de 5.000 habitantes perdeuse no exercicio pasado por volta de 13.500 habitantes. Nos concellos de máis de 50.000 habitantes tamén houbo perda de poboación, mais foi moito menor, de 4.500 persoas.

Entre 2.000 e 5.000 habitantes son os concellos que máis sofren o golpe da queda demográfica.

Desertización do rural

O 41,2 por cento dos galegos viven en 70 parroquias (en Galiza hai 3.790), que supoñen o 1,2% da superficie do noso país. Máis dun millón cento cincuenta mil persoas concentradas en menos de 348 kilómetros cadrados, dos perto de 30.000 que ten Galiza. Cifras que evidencian o despoboamento e desertización do rural e que, difundidas polos Instituto Galego de Estatística en base a un estudio de 2011, volven á primeira plana por mor dos dados do INE que sinalan a perda de habitantes de Galiza, principalmente no rural e no interior.