Rumi, a aplicación que avisa dos ataques do lobo

A aplicación 'Rumi' instalada nun cabalo (USC)

A problemática dos ataques do lobo en explotacións extensivas de gando podería ter os días contados. Unha nova iniciativa impulsada polo emprendedor do Arneiro Elio López avalía as funcionalidades dun sistema de monitorización de animais que podería alertar, previr e evitar os danos no gando vacún, caprino e cabalar que pasta en liberdade.

A posibilidade de coidar os animais en liberdade sen necesidade de estar con eles é unha das demandas máis urxentes que teñen as explotacións gandeiras extensivas na Galiza. O emprego de feches de todo tipo ou mesmo doutros animais para alertar da presenza do lobo non sempre deu bo resultado.

Na procura doutras solucións, Elio López García, un emprendedor do Arneiro (Terra Chá), participante do Explorer USC de Lugo, vén de dar a coñecer unha aplicación que podería monotorizar en tempo real o estado dos animais e achegar información sobre o seu comportamento.

A proposta, co nome de Rumi, consiste nun localizador GPS que incorpora algunhas innovadoras prestacións como a de analizar a preñez, período de xestación e datas de parto.

A súa colocación, no pescozo do animal a modo de choca, facilita a súa adaptabilidade.

Recoñecer o comportamento animal

O recoñecemento do comportamento dos animais en distintas situacións é unha das claves do éxito de Rumi, que ademais do situar as reses nun espazo determinado (dentro ou fóra da leira), reporta á gandeira cumprida información sobre a saúde das reses e do seu estado (tranquilidade, alerta...), ao tempo que apunta as posíbeis causas destas reaccións.

A aplicación forma parte do proxecto Pastoreo 4.0, unha nova iniciativa promovida pola startup de López García, Innogando, que se aliña cos obxectivos do Campus Terra da USC.

O investigador informou que xa se comezou a desenvolver aínda en fase incipiente as primeiras experiencias do aplicativo Rumi en cabras, gando cabalar de monte e mesmo en touros, a fin de coñecer e contabilizar o seu número de montas.