20.000 hectáreas queimadas

Rueda sostén que hai "moitísimos medios" no terreo para loitar contra os incendios

Veciños botando auga para apagar un dos incendios que afectan o Barco de Valdeorras. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
A superficie queimada na Galiza desde a quinta feira xa supera as 20.000 hectáreas. O mesmo día que visitaron as comarcas afectadas Alfonso Rueda, Ana Pontón e Pedro Sánchez, os principais incendios continuaron descontrolados. A veciñanza de Courel e Valdeorras volve denunciar ausencia de medios.

A superficie queimada desde a quinta feira quintuplica a ardida en 2021. Segundo os últimos datos ofrecidos pola Xunta da Galiza, os lumes arrasaron máis de 20.000 hectáreas en todo o país, destruíron arredor de 85 inmóbeis, a maior parte deles vivendas, e provocaron o desaloxo de 90 núcleos de poboación, onde residen, aproximadamente, 1.400 veciñas e veciños. Neste momento, as autoridades galegas consideran especialmente preocupante a situación do Courel, da Pobra do Brollón e de Valdeorras.

Os dous incendios máis grandes continuaban ao feche desta edición sen control. Un deles, orixinado en Carballeda de Valdeorras, saltou na segunda feira o río Sil e tras arrasar 7.500 hectáreas ameaza o lugar de Candeda (O Barco de Valdeorras) e o parque natural da Serra da Enciña.

Pola súa parte, o lume do Courel e da Pobra do Brollón calcinou 4.900 hectáreas, tras unirse os incendios de Vilamor (Courel) e Saa (A Pobra do Brollón), pondo en risco a última hora de onte os núcleos de Parada dos Montes (Courel) e Busto (A Pobra do Brollón).

Críticas por falta de medios

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, saíu ao paso das críticas da veciñanza das zonas afectadas sobre a ausencia de medios. A este respecto, afirmou que hai “moitísimos medios sobre o terreo” e "máis de 1.000 efectivos traballando, 100 motobombas, 20 pas e 30 medios aéreos”, significando a “enorme profesionalidade” amosada diante dunha situación provocada “por un fenómeno absolutamente excepcional e inédito”. Aliás, destacou os esforzos en prevención do Executivo galego.

O mandatario negouse a desvelar as intencións do seu Goberno sobre a declaración das comarcas afectadas polos incendios como zona catastrófica. Nunha xornada, onde se declarou “máis optimista”, afirmou que “tentaremos ser os máis rápidos e efectivos para atender a xente que resulte damnificada”, se ben sinalou que “primeiro debemos avaliar os danos e a situación de cada un”.

Zona catastrófica

A voceira do BNG, Ana Pontón, non ten dúbida sobre a necesidade de declarar “zona catastrófica as áreas queimadas ante o desastre ambiental, económico e social”.

Nunha visita ao Barco de Valdeorras e á Pobra do Brollón, a dirixente nacionalista sinalou que “a prioridade é apagar os lumes, pero hai que ir pensando no día despois e, neste sentido, propomos a declaración de zona catastrófica para que haxa axudas, recursos e se poñan todos os medios necesarios para a recuperación desas terras queimadas”, dixo.

“É necesaria a colaboración de todas as institucións para que se reverta o dano que se está causando”, aseverou Pontón, que urxiu a “que se mobilicen todos os medios que sexan necesarios para pór fin á situación de risco nas zonas afectadas tanto en Ourense como en Lugo”.

Neste sentido, significou que “estamos vendo a virulencia e a gravidade destes incendios e todos e todas sabemos que os lumes apáganse no inverno, con medidas de prevención, con ordenación do territorio e apáganse pondo freo ao despoboamento en moitas zonas do noso país”. 

“Paciencia e prudencia”

O presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, que viaxou a Valdeorras acompañado pola ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, onde estivo acompañado do alcalde do Barco, Alfredo García, e de Alfonso Rueda, sinalou que “o Executivo está envorcado no máis urxente, en responder os incendios que desgraciadamente están a arrasar España.

Quixo lanzar “unha mensaxe aos galegos e galegas” lembrando que “o máis urxente neste momento é dar resposta a este traballo de extinción”, solicitando “prudencia e confianza na acción das distintas administracións”. Neste sentido, quixo dirixirse especialmente “a aquelas persoas desaloxadas das súas vivendas”, a quen lles “ofreceu todo o esforzo para volver cando antes a súa casa”.

Sánchez, reclamou, por último á cidadanía galega “paciencia e prudencia” diante dos “días difíciles” que fican por diante polas altas temperaturas.