Ensino

Rueda presidirá a toma de posesión de Manuel Reigosa como reitor da UVigo

Manuel Reigosa, reelixido como reitor da UVigo. (Foto: Universidade de Vigo).
Reigosa foi reelixido reitor da UVigo o pasado 4 de maio, con 72,3 % do voto ponderado favorábel

O salón de actos da Facultade de Económicas do Campus de Vigo acollerá esta segunda feira a toma de posesión do reitor da Universidade de Vigo (Uvigo), Manuel Reigosa, así como do seu equipo de goberno, nun acto que estará presidido polo titular da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda.

Reigosa foi reelixido reitor da UVigo o pasado 4 de maio, con 72,3% do voto ponderado favorábel, nun proceso que estivo marcado polo falecemento repentino, o día antes das eleccións, do vicerreitor Manuel Ramos, que formaba parte da candidatura de Reigosa e por ser a de Reigosa a única candidatura que se presentara.

No acto desta segunda feira intervirá, en primeiro lugar, o secretario xeral da institución que, como é habitual nestes casos, dará lectura ao decreto de nomeamento do reitor. A continuación, Reigosa prometerá o seu cargo e o presidente da Xunta faralle entrega da medalla de reitor e do bastón de mando.

O novo reitor pronunciará o seu discurso e dará paso despois á toma de posesión dos novos cargos do equipo reitoral, integrado por 12 membros. Finalmente, a intervención de Alfonso Rueda porá o punto final ao acto.

Vitoria de Erguer

Nas eleccións ao claustro da UVigo do 4 de maio, Erguer. Estudantes da Galiza, ficou como primeira forza organizada na universidade coa proclamación de trece claustrais distribuídos ao longo dos tres campus (Vigo, Pontevedra e Ourense) e "representando 42% dos claustrais organizados".

"Queremos agradecer a todas as compañeiras que depositaron a súa confianza en nós e no noso proxecto. Non vos fallaremos", celebraron, a través dun comunicado remitido aos medios.

A participación, porén, foi especialmente baixa entre o alumnado: 4,75%, isto é, menos de cinco de cada cen estudantes. "Os valores de participación son preocupantes e recórdannos todo o traballo que nos queda por facer", salientaron desde Erguer.