Rueda ofrece o territorio galego ao servizo da industria dos minerais críticos
A Xunta da Galiza promove a extracción de litio en Doade mentres o proxecto mineiro xera preocupación polo seu posíbel impacto ambiental e o espolio de recursos naturais.
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, mantivo este sábado un encontro cos responsábeis do Grupo Samca, empresa propietaria de SA Minera Catalano Aragonesa, promotora da mina de litio de Doade, en Beariz (comarca do Carballiño), un dos 47 proxectos seleccionados pola Comisión Europea como estratéxicos para garantir o acceso ás materias primas críticas.
A autorización para esta mina en Beariz foi denegada polo propio Executivo galego no ano 2020 após un informe negativo da Concesión de Explotación por parte da CHMS debido á súa afectación aos acuíferos. A pesar de ser declarada pola CE como un proxecto estratéxico, deberá someterse igualmente a todos os procedementos de impacto ambiental, segundo confirmou esta semana a Nós Diario o representante da Comisión Europea no Estado español, Lucas González.
Con todo, durante a reunión co Grumpo Samca, Rueda reiterou a aposta do seu Goberno por aproveitar o “potencial do subsolo” galego e sinalou que Galiza pode ser un “territorio clave” para a cadea de valor europea de materias primas estratéxicas.
Aposta pola minería extractiva
Segundo trasladou o Executivo galego nun comunicado, o presidente considera que a minaría pode contribuír ao “crecemento económico” e á “transición verde e dixital”. Porén, organizacións ecoloxistas, colectivos veciñais e plataformas locais levan anos alertando dos riscos ambientais e sociais asociados a este tipo de proxectos, que adoitan implicar destrución de ecosistemas, consumo intensivo de auga e desarraigo poboacional.
O Grupo Samca defende que a mina de Doade suporá un “impacto social positivo” e unha “xeración de valor compartido”. A empresa está a promover tamén proxectos mineiros noutros territorios do Estado español, cun modelo centrado na extracción de litio e outros minerais considerados clave pola Unión Europea para sectores como o da automoción eléctrica ou a tecnoloxía.
Críticas ao espolio do territorio
A reactivación deste tipo de proxectos levanta preocupacións crecentes en sectores sociais e ambientais galegos, que denuncian o que consideran unha política de “espolio do territorio” ao servizo dos intereses industriais europeos.
Organizacións ecoloxistas e sindicais, como o Sindicato Labrego Galego, a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non e Ecoloxistas en Acción Galiza, alertaron en numerosas ocasións de que a extracción de litio en Galiza non responde ás necesidades do país, senón a dinámicas extractivas impostas desde fóra, sen garantías de respecto ambiental nin beneficios reais para a poboación local.