Rueda, sobre a enquisa de EM-Analytics para 'Nós Diario' que evidencia o rexeitamento social a Altri (18% a favor e 55,7% en contra): "A mellor liña é a que seguimos"
O presidente da Xunta insiste en que a Xunta apoiará "aqueles proxectos que cumpran medioambientalmente", como se está a avaliar o proxecto para en Palas de Rei, "con independencia das enquisas". A sondaxe difundida en exclusiva por este medio reduce a apenas 18% o apoio á macrocelulosa entre a poboación galega, fronte a un 55,7%.
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, insistiu esta sgeunda feira en relación ao proxecto de Altri para A Ulloa en que o Goberno galego apoiará "aqueles proxectos que cumpran ambientalmente", a pesar de que eses proxectos conten cun apoio minoritario por parte da sociedade galega.
Nós Diario preguntou esta segunda ao presidente galego sobre a enquisa de opinión pública elaborada polo instituto demoscópico EM Analytics en exclusiva para este medio e publicada o pasado sábado, que reflicte que 55,7% dos galegos e das galegas están en contra da macrocelulosa proxectada por Altri na Ulloa. Unha posición contraria ao proxecto que partilla perto de 39% do electorado votantes do PP –por volta de algo máis de 40% a favor–. Apenas 18% das persoas entrevistadas expresan unha opinión favorábel á celulosa, e 26,3% non se manifestan "nin a favor nin en contra".
Na súa resposta na comparecencia após a reunión semanal do Goberno, Rueda reduciu a importancia das enquisas, "que poden ser variábeis segundo o momento no que se fagan", ademais de indicar que "hai diferentes enquisas e enquisadores". Porén, o estudo demoscópico de EM-Analytics para Nós Diario —resultado dunha mostra de 700 entrevistas realizadas por vía online e telefónica entre o 11 e o 16 de xuño— é a primeira enquisa publicada que pulsa a opinión da sociedade galega sobre Altri. Incidiu o presidente en que "a liña da Xunta sempre vai ser a mesma", polo que "aqueles proxectos que cumpran ambientalmente serán apoiados, e os que non, non". Rueda manifestou que o seu Executivo seguirá na "mesma liña obxectiva", segundo dixo, "con independencia de opinións" que afirmou "respectar".
Medalla para a princesa Leonor e outros acordos
Na súa comparecencia, o titular da Xunta anunciou que entregará o vindeiro 14 de xullo a Medalla de Ouro da Galiza á princesa de Asturias, Leonor de Borbón, unha medida que defendeu polo "agarimo sinxelo" que está "seguro" de que "a maioría do pobo galego sente" pola princesa.
Tamén anunciou, en compañía da conselleira do Mar, Marta Vilaverde, o 'Bono Peixe', que poderá descargarse a partir do 28 de xullo, dotado con até 50 euros por beneficiario, para fomentar o consumo de peixe e de marisco en tendas e supermercados da Galiza. Estes bonos poderán descargarse na plataforma bonopeixe.gal ou a través da súa aplicación móbil. Os bonos, por valor de 50 euros, iranse liberando progresivamente a razón de 50 euros por semana —con descontos de 25% da compra até un máximo de 5 euros—, acumulando o importe non gastado nas sucesivas semanas e que poderán gastarse ao longo de 10 semanas.
O Consello aprobou tamén a Estratexia Galega de Enfermidades Raras 2025-2030, na que se van investir 400 millóns de euros e que vai reforzar os servizos de rehabilitación e ampliar o cribado neonatal das 37 enfermidades actuais a 49. Na Galiza hai 5.200 pacientes diagnosticados con enfermidades raras.
Outro acordo foi o de "flexibilizar e adecuar ás demandas reais das empresas", en palabras do propio Rueda, as políticas públicas de axuda a persoas en desemprego para a súa formación.
Aval aos pactos con Vox
A preguntas da prensa sobre o Congreso do PP español e o convite de Alberto Núñez Feixoo a tender pontes con Vox, Rueda dixo compartir a opinión de que "a única liña vermella debe de ser con Bildu".
O presidente, sobre o plan do Sergas no verán: "Agardo que todo saia ben"
A ausencia de médicos e médicas de familia nestas semanas obrigou o Sergas a reorganizar a asistencia da área de Vigo e derivar as urxencias dos centros de saúde cara aos puntos de atención continuada (PAC), segundo informou a Cadea Ser. Preguntado por Nós Diario sobre esta situación, o titular da Xunta apuntou a que "estamos no verán" e esta é unha época "de especial tensión". A "obriga" da Xunta da Galiza é, manifestou, "facer un plan de continxencias [para o verán], como facemos sempre". A este respecto, concluíu dicindo que "agardo que todo saia ben".
O plan de continxencias do verán do Sergas pasa por botar man do persoal médico voluntario e de residentes MIR de cuarto ano para facer fronte ao problema na Atención Primaria derivado da falla de persoal e do aumento en moitas comarcas da poboación a atender polo turismo. A mesma receita que activou o ano pasado e que recibiu críticas de plataformas de usuarias e de profesionais por considerala "insuficiente".
A preguntas da prensa, aliás, Rueda apoiou a retirada de carteis en centros de saúde que denuncian a falta de médicos, algo que considera "lóxico". A xerencia da área de Lugo, A Mariña e Monforte emitiu unha instrución que avisa de que, segundo as normas do Sergas, serán retirados todos aqueles carteis ou anuncios colocados en centros de saúde cuxo contido non fose notificado con anterioridade.