Rueda avoga por medidas “contundentes” contra o “problema” das ‘okupacións’ malia recoñecer o seu escaso número

Alfonso Rueda e Núñez Feixoo

O vice presidente galego ve as  ‘okupacións’ un problema de "transcendencia social" máis aló da súa importancia "cuantitativa"

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou esta segunda feira que a Administración galega considera necesarias medidas "máis inmediatas" contra as ‘okupacións’ de vivendas porque constitúen un problema de "transcendencia social" máis aló da súa importancia "cuantitativa".

Así o dixo en resposta a preguntas dos medios por mor das declaracións realizadas esta fin de semana polo presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde, que asegurou que este tipo de delitos na Galiza "diminuíron" e considerou que xa existen no ordenamento xurídico mecanismos suficientes contra eles.

En relación a esta consideración, o vicepresidente primeiro da Xunta admitiu que, "evidentemente", Gómez y Díaz-Castroverde ten "todos os datos desa visión xeral" do poder xudicial en Galicia, e, "por tanto, fala con fundamento".

Con todo, dixo, a Xunta considera que as ‘okupacións’ son un tema "preocupante" contra as que hai que reclamar medidas "contundentes". "Non estou a falar desde un punto de vista cuantitativo", dixo Alfonso Rueda, que destacou que, aínda que o número sexa "maior ou menor", trátase de "un problema con moita transcendencia social".

"O que a cidadanía pide e o que temos que facer as administracións é habilitar respostas para que se poida actuar rapidamente, con independencia de que a normativa actual poida ser ou non suficiente, pero ten que ter un modo de actuación máis inmediato", resolveu.

Na mesma liña, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, explicou que, aínda que "estatisticamente" poida haber unha diminución, é unha cuestión que "está a xerar preocupación".