Rueda afirma que os "problemas" no Sergas "adoitan ser puntuais e non continuados no tempo"

Alfonso Rueda en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
"Vostede dime casos puntuais. No Sergas traballan máis de 40.000 persoas", respondeu o presidente da Xunta ás preguntas respecto duns problemas que o Goberno galego tenta solucionar "inmediatamente".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recoñeceu este xoves que "ás veces" teñen lugar "problemas" de sobrecarga no Servizo Galego de Saúde (Sergas), pero alegou que "adoitan ser puntuais e non continuados no tempo", e "nun lugar concreto".

Así respondeu o mandatario autonómico ao ser preguntado, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, polas numerosas queixas emitidas nos últimos días por colectivos de Medicina Interna e polo Consello Galego de Colexios Médicos a través de comunicados aos medios.

A estes hai que sumar moitas plataformas de pacientes e, máis en concreto, a Comisión Delegada do Hospital de Verín, que esta cuarta feira denunciaba unha "situación de caos" no servizo de Medicina Interna dese centro.

"Vostede dime casos puntuais. No Sergas traballan máis de 40.000 persoas", respondeu o presidente da Xunta ás preguntas respecto duns problemas que o Goberno galego tenta solucionar "inmediatamente".

Convocatoria MIR extraordinaria

Sobre eses "problemas", o dirixente afirmou que "adoitan ser puntuais e non continuados no tempo". "Outra cousa son as demandas dos profesionais, moi respectábeis e que tentamos atender, e cando non se pode ou cando non teñen razón, explicar por que actuamos desta maneira", matizou.

Neste contexto, o mandatario galego volveu referirse ao "problema recorrente" da falta de facultativos en Atención Primaria, para o que insistiu en solicitar ao Ministerio de Sanidade que "permita" unha convocatoria MIR extraordinaria e que cre a especialidade de Medicina de Urxencia, que permitiría incorporar a este servizo "20 ou 30 médicos".

Sobre as protestas dos médicos internistas, Rueda defendeu a reunión da pasada semana cos xerentes das áreas sanitarias e os xefes de Medicina Interna, na que se puxo enriba da mesa vincular os contratos nos hospitais de cabeceira con desprazamentos aos comarcais.

As declaracións do presidente galego chegan a pesar de que os colectivos de internistas xa se mostraron en contra desta medida e denunciaron non sentirse "representados" polos asistentes a esta reunión, polo que reclamaron unha reunión directa co Sergas á vez que empezan falar dunha eventual folga.