“Só o Concello da Coruña gastou 600.000 euros en touradas en tres anos”

Rubén Pérez

Desde o 2011, o Concello da Coruña gastou 600.000 euros en touradas. A Deputación de Pontevedra e concellos como Sarria ou Muíños destinan tamén cartos públicos a eventos taurinos. O voceiro de Galicia, Mellor Sen Touradas, Rubén Pérez denuncia que se están dilapidando cartos públicos en eventos que maltratan animais e só responden a gustos persoais de gobernantes. 

-O abolicionismo está a sumar apoios sociais. A pasada semana presentaban as sinaturas de 23 deputad@s do PsdG, Anova e BNG. 

Increméntase a mobilización social cada ano. Aínda que na Galiza había moita oposición, non era especialmente activa. Ao non haber moitos espectáculos, non molestaba tanto. Estamos a falar de 3 ou 4 en Pontevedra, 3 na Coruña e logo eventos menores mais desde hai uns anos, a mobilización funciona como engranaxe, dando lugar a outras iniciativas como a creación da fronte antitaurina no Parlamento ou a sinatura do manifesto. A nosa intención é ir sumando pouco a pouco máis apoios á causa abolicionista. 

-A multitudinaria mobilización do pasado ano na Coruña foi relevante na loita antitaurina?

Foi un punto de inflexión. O feito de haber máis xente na manifestación que no Coliseo mostraba como as persoa que rexeitaban as touradas saían á rúa un domingo á mañá e cambiou o ritmo tanto da mobilización como da consideración social das touradas. 

"En Sarria, en 2012 aportaron uns 50.000 euros e en Muíños poñen unha praza portátil para 2.500 persoas cando a súa poboación non supera os 1.700".

-Un dos argumentos que empregan son os cartos públicos que se gastan nos eventos taurinos. De que cantidade estamos a falar?

 Só na Coruña, desde 2011 gastáronse 600.000 euros de todos nós no apoio ás touradas. Ademais dos subsídios directos e indirectos, hai que sumar as condenas a pagar varias indeminizacións, unha por adxudicación irregular da feira taurina e outra por caídas no desenvolvemento do evento. Son todos cartos que ten que poñer o Concello, non só polo apoio directo senón porque os tribunais confirman o clientelismo e a situación irregular por non contar con ningún seguro, o que reflicte como se fai a tauromaquia con todos nós. 

-No caso de Pontevedra, canto aporta a Deputación?

Os datos son moi escuros máis teriamos que sumar operacións moi pouco transparentes de publicidade. Por exemplo, poñer publicidade das Rías Baixas na propia praza de touros e no boletín. A demais, a Deputación dá 9.000 euros para colectivos taurinos, para “encontros literarios” e actos similares. Sería necesario que publicasen os datos reais mais a Deputación non o fai. Logo están concellos como Padrón, Muíños ou Sarria que aportan barbaridades en comparación cos seus orzamentos. En Sarria, calculamos que en 2012 aportaron uns 50.000 euros e nos seguintes anos posibelmente datos semellantes, ao igual que en Muíños que poñen unha praza portátil para 2.500 persoas cando a súa poboación non supera os 1.700. O que temos que sospeitar é que se están a pagar gustos persoais. Pasou na Coruña con Francisco Vázquez, que fixo o Coliseo con esa forma para albergar touradas e pasa con Louzán ou os alcaldes de Sarria, Padrón e Muíños que fan isto como un reto, poder organizar touradas desde concellos pequenos. 

-Entón non hai afección ás touradas no noso país?

Son os propios taurinos os que divulgaron nas redes sociais as imaxes do Coliseo o pasado ano practicamente sen xente. Cando consultamos os expedientes grazas á xestión dos concelleiros do BNG na Coruña podemos comprobar que só o 20% do aforo se completou con entradas vendidas. Estamos a soster un espectáculo con cartos públicos que ten un alto grao de maltrato animal. O 75,5% da cidadanía rexeita que se destinen recursos públicos á organización e promoción de touradas na Coruña. 

"Suprimindo os subsidios públicos o entramado taurino tería moi complicado manter as feiras".

-A reprogramación da feira na Coruña para as festas do Rosario que explicación ten?

É significativa. Eles mesmos se decatan de que non é cuestión de demanda social senón que só está pensado para uns grupos de poder relacionados con determinadas elites. Agora o discurso do concello mudou, xa non falan de demanda social senón de demanda das peñas. Se temos en conta o número de abonos vendidos vemos que descendeu de mil e algo a seiscentos ou setecentos, cifra que non ten sentido para manter un evento no maior contedor de espectáculos da cidade. Nin sequera desde o punto de vista liberal estes resultados xustificarían o evento. 

-O seu fin é a abolición, que tería que acontecer para que isto acontecese? 

Cremos que é necesaria a mudanza da lei para garantir a abolición e eliminar a excepción das touradas da regulación do maltrato animal. Por outra parte, consideramos que suprimindo os subsidios públicos o entramado taurino tería moi complicado manter as feiras. Son eses subsidios os que manteñen as touradas con respiración asistidas. Dentro do propio PP, xa hai voces que cuestionan a subvención. O noso papel foi achegarnos aos grupos políticos para sumar forzas a nosa demanda porque son eles os que poden mudar os paradigmas.