Rubén Lois: "O rastro do virus na Galiza ratifica a sobremortalidade urbana en persoas maiores"

Rubén Lois
Unha cartografía  do risco de contaxio da COVID-19 na Galiza. Os profesores de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela Rubén Lois e Ángel Miramontes asumen a dirección dun proxecto que busca identificar os factores territoriais e os espazos de actuación chave para frear  a pandemia.

Como xorde este proxecto e por que interesa cartografar o comportamento do contaxio da COVID-19 na Galiza?

Este proxecto é resultado da iniciativa da Axencia Galega de Innovación (GAIN) para favorecer a análise do comportamento espacial da propagación da COVID-19 na Galiza, pero nós xa eramos parte dunha rede estatal de xeógrafos que pretendía cartografar e facer un atlas máis ou menos detallado da expansión desta enfermidade, co fin de ver que efectos podía ter a proximidade no seu avance ou os problemas de contaxio derivados.

Agora mesmo, con todas as posibilidades que ofrece a cartografía a través dos sistemas de información xeográfica, temos a oportunidade de cartografar o espazo rural a escala de parroquias ou de aldeas e a escala de rúas ou de bloques de edificación, as áreas urbanas. No caso dunha epidemia, coma a actual, producida polo novo coronavirus, isto ten moita importancia porque podemos cartografar o lugar onde hai un caso positivo e ver onde está a veciñanza máis achegada ou cales son os riscos de proximidade, co fin de identificar onde se poden producir os problemas e como se poden xestionar a nivel espacial. E para iso partimos da distribución das persoas nun territorio determinado.

No caso galego, esta repartición caracterízase pola dispersión e a fragmentación.

Hai dous parámetros que marcaron moito a evolución da enfermidade na Galiza. O primeiro é que temos unha poboación moi envellecida, é dicir, unha poboación de risco en relación coa COVID-19 moi elevada, con moitas persoas de máis de 70 e 80 anos. Isto, unido ao fenómeno das residencias, da aglomeración de usuarias anciás, sobre todo en centros privados, que foi onde máis casos se acumularon sen grandes controis, motivou boa parte dos efectos máis negativos.

E despois, temos un hábitat moi disperso con moitos núcleos de poboación, cousa que facilitou que non se propagase tanto o virus como en áreas urbanas moi compactas. Os grandes problemas, a nivel europeo e estatal, rexístranse en contornas ou cidades moi densas; como Lombardía, en Italia, e Madrid, onde se creou todo sen que se determinase a inmobilización ou o illamento da súa xente. Polo tanto, a incidencia na Galiza foi menor grazas, en parte, á forte pegada do rural, que se protexe mellor que as áreas urbanas máis compactas, onde queremos ver como é o contacto dunhas persoas con outras e como se van contaxiando. 

Que datos necesitan para crear esta cartografía?

O que necesitamos son os datos do Sergas, o número de persoas infectadas en relación cos seus domicilios e en función doutras características como poden ser a idade ou o sexo. A partir de aí, crearemos un visor, non só un mapa estático, que nos permita ver como se produciu a difusión da epidemia. Unha vez introducida toda a información, a idea é que calquera persoa poida conectarse a través da rede e acceder a unha localidade ou a un espazo concreto para consultar os datos que lle interesen. 

Converterase nunha ferramenta útil para ver a evolución dos contaxios e anticipar medidas concretas de prevención?

O que imos conseguir é un mapa, pero sobre todo unha base cartográfica onde calquera se vai poder conectar e ver cantos casos hai nunha cidade, nunha rúa ou nun concello, e observar como se difunden. A medida que se vaian cargando datos novos o mapa irase actualizando, tanto coa suma de novos positivos como coa resta de persoas curadas.

É unha cartografía activa e vaille permitir á Administración ter localizadas as fontes de transmisión para tomar decisións a nivel local, en caso de rebrote. Unha vez definidos os focos e os mecanismos de contaxio, se, por exemplo, se detectan sete casos activos e, en menos dunha hectárea, 500 habitantes, estará en condicións de recomendar o illamento desa zona, pero se están na montaña, sen veciñanza, o perigo será outro. Con todo, esta ferramenta tamén quedará ao servizo da sociedade civil, que poderá ser consecuente cos riscos que observe en cada lugar. 

Que rastro deixou, até o momento, o paso do novo coronavirus por Galiza?

O máis significativo ratifica a idea da sobremortalidade de persoas maiores, un dos problemas máis graves desta pandemia. É unha mortalidade fundamentalmente urbana, moi vinculada a aqueles lugares onde hai residencias, o que nos deixa unha parte ampla do territorio que sufriu moi pouco os efectos da pandemia e que pasa moi desapercibida porque os datos que se dan son moi agregados, referidos ao conxunto do país.