Rubén Lois: "O mito da Galiza atrasada é falso e hai que superalo"

Rubén Lois participou do libro 'Marxismo, nación e territorio'. (Foto: Arxina)
Heriberto Cairo e Eduardo Sánchez Iglesias veñen de coordinar o libro 'Marxismo, nación e territorio'. Con motivo da súa publicación, Nós Diario conversa cun dos autores do mesmo, o catedrático en Análise Xeográfica da USC Rubén Lois, arredor do desenvolvemento do concepto da nación e da evolución social e económica da Galiza.

—Fala no libro da construción en paralelo dos relatos nacionais no século XIX, a que se refire?

Recollo a interpretación que fai o historiador José Álvarez Junco, quen explica que a invención da tradición da nación española é un proceso do século XIX impulsado por sectores liberais ao que despois se suma o conservadorismo máis relixioso. 

Junco recoñece que ao mesmo tempo se constrúe unha narrativa nacional moi clara en Catalunya e explica o proceso vasco. Tamén sinala que na Galiza co Rexurdimento se crea unha idea de nación a partir do provincialismo e da crenza nun Reino que ten unha personalidade propia.

Eu no que insisto é en que esas narrativas que xorden na Galiza non cuestionan a existencia dun Estado español, aínda que sexa plurinacional. Mais o que está claro é que existen estas tres narrativas das nacións sen Estado que aparecen en paralelo á de España.

—Refírese á construción dun relato de nación na Galiza con un carácter máis débil. Por que?  

No século XIX é cando a burguesía se está reafirmando, sobre todo a raíz da Revolución Industrial, teñen moita importancia no téxtil e de feito Catalunya chega a un acordo co Goberno da Restauración para o desenvolvemento de políticas proteccionistas para poder vender as súas pezas de tea en Cuba e no resto de colonias españolas. Pola súa parte, os vascos nese século están mirando para o Reino Unido e teñen un proceso de desenvolvemento a partir das minas de carbón e ferro e da siderurxia. 

Entón, Catalunya e Euskadi eran nacións que falaban de igual a igual ao resto do Estado español, que se consideraba vencellado a un territorio máis pobre, sobre todo tendo en conta que Madrid se industrializa moito máis tarde.

A Galiza nese momento non podía afirmar que tiña unha grande industrialización endóxena, aínda que hai algún desenvolvemento en Vigo ou no Arco Ártabro entre Ferrol e A Coruña, e desde sempre se asocia a unha realidade completamente diferencial con lingua e con cultura propias e cun discurso nacional moi arraigado, mais desde unha perspectiva de que é un país rural, labrego e atrasado. Esta narrativa do atraso e a dependencia vaise manter durante boa parte do século XX e ten hoxe aínda moito calado na sociedade.

—Chámalle a isto vostede o mito da Galiza débil, periférica e atrasada. Somos hoxe un país avanzado que poda aspirar a valerse por si mesmo?

Eu fago unha reflexión sobre se hai condicións para superar este mito. Habería que facer uns bos cálculos sobre as balanzas fiscais porque non está nada claro que o pobo galego sexa receptor de fondos do resto do Estado, entón non é certo ese mito de que somos rurais e atrasados.

A Galiza é unha sociedade urbana, industrializada e con niveis de desenvolvemento fortes e hai que cambiar un pouco ese discurso desfasado. Por exemplo os bretóns, que tamén tiñan unha realidade semellante no Estado francés, cambiaron o discurso, e hoxe en día a ninguén alí se lle ocorre falar neses termos da Bretaña. O discurso do atraso non é acorde coa realidade actual da Galiza, mais aínda segue dominando. 

Cando os cataláns batallan pola soberanía é porque se consideran autosuficientes e que poden vivir perfectamente sós. Pola contra, a maioría das persoas galegas non o perciben así, temos interiorizado que somos débiles ou que somos menos industriais, o cal é falso, a contribución da industria ao PIB galego é maior que a da media do Estado, pero seguimos tendo esa percepción de dependencia de España que non se corresponde coas potencialidades económicas da Galiza.

Necesidade dun consenso progresista

Para Rubén Lois non está claro que a Galiza sexa unha nación conservadora, pois na maioría de procesos electorais existe unha maioría de votantes progresistas. Para evitar a abstención e os pequenos transvases de votantes ao PP nas eleccións galegas, di Lois, os partidos de esquerda necesitan obter un consenso de mínimos para xerar unha alternativa real e críbel. O xeógrafo insiste na necesidade de cambiar o discurso, en que hoxe a Galiza "é unha sociedade urbana, industrial e bastante moderna", polo que hai que comezar a esquecerse "do atraso e do ruralismo" e "eliminar debates absurdos como se necesitamos ou non tres aeroportos ou se temos grandes industrias como as pesqueiras". Rubén Lois sinala que é necesario interiorizar esta modernidade, o que "axudaría a ter un novo modelo de Goberno autónomo no momento actual que cambie as lóxicas e supere o discurso da subordinación".