Rubén Lois González, vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional

O xeógrafo Rubén Camilo Lois González durante unha conferencia na Semana de Filosofía de Pontevedra. Foto: Aula Castelao de Filosofía.

O profesor Rubén Camilo Lois González (Palas de Rei, 1961) será o novo vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional. A súa escolla produciuse grazas a, explica, “certa unidade ibérica”. Os xeógrafos portugueses foron decisivos ao apoiar a súa candidatura.
 

A Unión Xeográfica Internacional (UXI) fundouse en París en 1922, aínda que a súa prehistoria remóntase a 1871, cando Amberes acolleu o primeiro Congreso Xeográfico Internacional. Entre as súas funcións, salienta Lois González, dúas fundamentais: coordinar os avances xeográficos internacionais e colaborar con organismos internacionais. Por caso, cos Obxectivos do Milenio da Unesco.

 

O xeógrafo galego, que tomara posesión do cargo en agosto, na Conferencia Rexional do Quebec, quere que o seu mandato -de catro anos, renovábel por outros catro-, contribúa a un dos debates en curso entre os xeógrafos do mundo: o da diversidade lingüística na ciencia e a distribución do coñecemento.

 

“É certo que na Unión existe aínda certa lóxica poscolonial e unha sobrerrepresentación do norte”, indica o tamén colaborador de Sermos Galiza, “mais empeza a mudar e os países emerxentes ocupan o seu lugar”. Facer que as linguas románicas -e outras: o papel de China e Rusia é cada vez máis importante- sexan linguas de traballo para debilitar a dominación do inglés axudará nesa corrección. “A rebaixar a dependencia do mundo anglosaxón”, matiza.

 

“En Brasil, por exemplo, a ciencia xeográfica é moi potente”, expón Rubén Lois, “e debemos facer un intento de implicar América Latina. Eu defendín moito isto, como galego”. E aos xeógrafos portugueses gustoulles a súa aposta. Tanto que chegaron a defender a candidatura do galego “como a dun portugués”.

 

A Unión Xeográfica Internacional nunca estabeleceu moita relación con Galiza. Só un ilustre intelectual, o escritor e -precisamente- xeógrafo Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976), mantivo vínculos durante a etapa da Revista Nós. “Os cataláns foron, historicamente, os que máis traballaron coa Unión”, di.

 

Despois da Conferencia Rexional do Quebec, a vindeira cita será o Congreso Xeográfico Internacional de Istambul, en 2020. Lois González percíbeo como o encontro “do mundo do sur”. “O coñecemento xeográfico é poder”, sinala, “e hai que democratizar a difusión da ciencia xeográfica”.

 

En 2022, París conmemorará o século da UXI -“os franceses tamén están preocupados por frear a hexemonía anglosaxoa”. E dous anos despois, Dublín. “Os irlandeses son moi amigos nosos. Aproveitaremos certa lóxica atlántica, céltica, e faremos algunha xuntanza previa en Galiza”, remata.