Rubén Cela: “Nunca Máis foi un motivo de orgullo do país en que vivo”

Rubén Cela
O actual portavoz do BNG en Compostela era o Secretario Xeral de Galiza Nova cando afundiu o Prestige. Dez anos despois lembra como foi aquel momento e o que significou a resposta cidadá e a mobilización de 'Nunca Máis'

Onde estaba cando comezou todo?
O que lembro foi, máis ca o momento en que afundiu, que coincidiu que eses días tiñamos unha Asemblea Nacional de Galiza Nova. Moita xente faltou á asemblea porque foron directamente a botar unha man nas praias. Galiza Nova tivo un papel importante no que foran as mobilizacións do Prestige. Lembro que participamos moi activamente. Por exemplo na primeira manifestación que houbo que partira da Lonxa de Muxía.

Que significou para vostede o movemento Nunca Máis?
Un motivo de orgullo do país no que vivo e dun pobo que non se resignou na mentira, nin na ocultación nin na manipulación. Desde logo botouse á rúa e ás praias contra a incompetencia dos gobernantes, a combater o maltrato que historicamente tivo o noso país. Por desgraza o Prestige foi parte dunha secuencia máis longa da que formaron parte Urkiola, Polycommander, Mar Egeo,... nun país que nin sequera pode organizar o sei salvamento marítimo.

"Non é lóxico que despois dunha catástrofe como aquela que condicionou a vida de milleiros de persoas dun país enteiro, non haxa ningún tipo de responsábel"

Que pensa que queda daquel sentimento de indignación?
Serviu para moito desde unha perspectiva de concienciar e de mobilizar. A efectos prácticos moitos dos elementos estruturais que propiciaron que aquelo fora posíbel seguen hoxe vixentes. Moitos dos motivos fundacionais que levaron á xente a mobilizarse daquela seguen, por desgraza, vixentes na actualidade. Só cando ocorren desgrazas deste tipo volvemos a lembrarnos todos.

Que agarda do xuízo que agora se vai celebrar polo afundimento do 'Prestige' e as súas consecuencias?
Agardaría xustiza. Son escéptico mais agardaría xustiza. Non é lóxico que despois dunha catástrofe como aquela que condicionou a vida de milleiros de persoas dun país enteiro, non haxa ningún tipo de responsábel. Desde unha perspectiva penal mais tamén desde unha perspectiva política. Interviñeron diferentes factores, houbo persoas con nomes e apelidos que foron responsábeis de todo o que aconteceu e a xustiza, ademais de lenta, de momento non se fixo con este país.