Rubén Arroxo viaxa ao Porto de Pireo para axudar as crianzas refuxiadas

Rubén Arroxo e Fiz López partirán na sexta feira para o Porto de Pireo [Imaxe cedida / V.Otero]

O concelleiro do BNG en Lugo partirá esta sexta feira cara á un dos campos máis ateigados de Grecia xunto cun amigo. 

Aproveitará as súas vacacións para axudar as persoas refuxiadas. O concelleiro nacionalista de Lugo, Rubén Arroxo, viaxará até o Porto do Pireo, onde se atopa un dos campos máis ateigados de Grecia, para axudar as crianzas que se atopan retidas nel. Farao de maneira conxunta cun amigo e estarán alí 10 días. 

Ao comezo iamos ir a Idomeni porque viamos que a situación era peor mais co decorrer dos acontecementos nos últimos días están a mandar as persoas voluntarias ao Porto do Pireo

"Ao comezo iamos ir a Idomeni porque viamos que a situación era peor mais co decorrer dos acontecementos nos últimos días, o despexo dos campos e as deportacións a Turquía, están a mandar as persoas voluntarias ao Porto do Pireo", explica en conversa con Sermos Galiza o edil. 

Fará a viaxe cun amigo, Fiz López. Ambos os dous teñen formación e experiencia en programas infantís e campamentos e irán en coordenación cunha rede de ONGs e persoas voluntarias gregas. "Puxémonos en contacto con eles através dos grupos que teñen nas redes sociais e nos fíos de correo electrónico" onde se apuntaron en quendas e áreas de traballo en función dos seus coñecementos. "Precisan tradutores de árabe" e outras linguas como o pastún, explica. 

Sabemos que nos campos aproximadamente un terzo son crianzas polo que o noso obxectivo é facer actividades con elas

"Sabemos que nos campos aproximadamente un terzo son crianzas polo que o noso obxectivo é facer actividades con elas", acrecenta. "Todo é moi espontáneo", di en relación ás escasas indicacións que lles deron na rede, en boa medida porque se está a xerir a axuda humana e os escasos recursos através da solidariedade e voluntariado popular. O papel dos gobernos europeos é moi escaso. 

"A actitude dos gobernos é máis propia dun rexime fascista. Están a chegar persoas que fuxen dunha guerra alimentada por Occidente e que están a facer é deportalas", denuncia. "A UE actúa en contra dos propios dereitos humanos". 

Regresarán o domingo 17 de abril.