‘Rube’, un lobo mariño cincento que se recupera na Illa de Arousa

Rube (Foto: Xunta)

O animal quedou atrapado no ‘palangrillo’ dun barco na ría de Cedeira e foi trasladado á UCI de lobos mariños do establecemento veterinario que a Cemma ten en Nigrán

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería do Mar, acolle o lobo mariño cincento Rube para a súa recuperación. Esta acción forma parte da colaboración que vén mantendo desde o ano 2003 Xunta coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), para a recuperación dos mamíferos mariños que chegan ás costas galegas en mal estado ou feridos.

O animal quedou atrapado o 17 de novembro no palangrillo dun barco na ría de Cedeira e foi trasladado á UCI de lobos mariños do establecemento veterinario que a Cemma ten en Nigrán.

Unha vez ingresado comprobouse que se trataba dun macho de menos de dous meses de idade e que pesaba 11 quilos, sendo un dos lobos mariños máis pequenos tratados en Galiza. Presentaba feridas no corpo, estaba desnutrido e deshidratado e cunha leve afección respiratoria.

A súa evolución foi favorábel, o que lle permitiu gañar peso e quedar fóra de perigo, polo que superou a primeira fase da recuperación e procedeuse a trasladalo ao Igafa para superar a segunda fase, a previa á súa liberación.

Deste modo, Rube permanecerá varias semanas nunha piscina exterior de auga corrente salgada do Igafa e posteriormente será embarcado para a súa solta en alta mar.