Centos de mulleres saen ás rúas de vilas e cidades de Galiza contra o último asasinato machista

Mobilización en Compostela. Foto de Iria Méndez.

Mobilizacións en case 30 localidades do país convocadas polo feminismo galego.Os fillos de Ana Belén Varela, a muller asasinada este domingo, participaron na concentración de Carballo.

Ana Belén Varela foi asasinada a tiros polo seu marido este domingo en Cabana de Bergantiños. A terceira muller asasinada no que vai de ano en Galiza a mans do seu compañeiro. Centos de mulleres saíron á rúa na tardiña desta terza feira no noso país para denunciar o crime. Case 30 concentracións e mobilizacións foron convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres e o movemento feminista galego. Á concentración de Carballo  asistiron os dous fillos de Ana Belén Varela  que agradeceron persoalmente ás convocantes que celebraran este acto.

 

“O machismo mata”, “Contra a violencia machista”, “Querémonos vivas e libres” ou “Autodefensa feminista” foron algúns dos lemas nas faixas e cartaces das mobilizacións.  Denunciouse máis unha vez a violencia machista e patriarcal, para alén de exixir compromisos firmes por parte de administración e xustiza para rematar coa violencia contra a muller en todas as súas formas.

 

Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Ferrol, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Betanzos, As Pontes, Ponteareas, A Guarda, Melide, Val Miñor, Redondela, Ponteceso, Viveiro, Monforte, Rianxo, Burela, Carballo ou Carballiño foron algunhas das cidades e vilas onde decorreron mobilizacións.