A Rúa e Chantada, concellos de especial vixilancia por Sanidade, superan a incidencia do Estado a 14 días

A Rúa (Foto: Concello da Rúa)

O comité clínico, que tamén puxo a lupa sobre Ribeira e Sarria, reunirase mañá, terza feira, para decidir sobre as restricións.

 

O comité clínico que asesora á Consellería de Sanidade na adopción de medidas ante a pandemia do coronavirus mantén desde hai unha semana unha especial vixilancia nos concellos de Ribeira, Sarria, Chantada e A Rúa. Destes, tan só os dous últimos superan a incidencia acumulada de toda o Estado, que rolda os 400 casos por 100.000 habitantes.

En concreto, segundo consta no novo mapa de Sanidade para informar os casos de covid-19 por concellos, A Rúa é, deste catro, o que ten a maior incidencia, posto que os seus 24 positivos detectados nas últimas dúas semanas implican unha incidencia de 556,3 por 100.000 habitantes.

Ademais, no municipio Chantada, en 14 días detectáronse 38 casos de coronavirus. No entanto, se se pon esta cifra en relación ao seu tamaño, tradúcese nunha incidencia de 463,9 por 100.000 persoas.

Isto significa que ambos os municipios superan as cifras para todo o Estado, que se sitúa por baixo dos 400 casos por 100.000 habitantes en 14 días, segundo fixo público este domingo o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez.

En canto a Ribeira, conta cunha incidencia menor, concretamente de 308,7 casos por 100.000; mentres que Sarria é mesmo máis baixa, de 285,1.

Estes catro concellos mantéñense con restricións do nivel 2, a pesar de que o comité clínico de Sanidade acordou realizar un seguimento reforzado destas localidades.

Cabe lembrar que, desde este sábado, atópanse coas maiores restricións -o nivel 3- un total de 69 concellos, que manteñen a hostalaría pechada e contan con peches perimetrais.