Deza

"Espolio" en montes de Rede Natura: rouban a cortiza dos sobreirais do Arnego

Sobreiras coa cortiza arrincada sen autorización dos seus donos no Arnego, no Deza. (Foto: María Monteiro)
Iago Tato, propietario afectado polos roubos: "O problema son as formas, a falta de respecto á propiedade; é como se entran na túa casa sen permiso, van á neveira e collen unha cervexa".

As sobreiras son árbores cun alto valor ecolóxico e económico. A súa cortiza é un poderoso aliado na loita contra os incendios forestais e pola súa valía para facer cortizos para as abellas na produción de mel, os tradicionais tapóns das botellas de viño e a elaboración de produtos illantes para solos e paredes. Trátase dun material con extraordinarias propiedades no illamento térmico, acústico e de humidades.

Na Galiza, zonas como o Sobreiral do Arnego (en Agolada, Lalín e Vila de Cruces, na comarca do Deza) están protexidas legalmente pola Rede Natura. As propietarias e os propietarios están obrigados a coidalas e teñen prohibida a súa tala, o único beneficio económico que poden sacar delas é a extracción da súa cortiza, que ten que darse en árbores de máis de 25 anos e só se pode facer en cada un dos exemplares como mínimo cada nove anos.

O prezo da cortiza está a crecer e este ano sitúase nos 8,75 euros o quilo. Os seus extractores e o seu destino son fundamentalmente Portugal e Estremadura. Pero propietarios destas árbores denuncian que este ano están a quitarlle a cortiza ás súas sobreiras sen falar, negociar prezo nin pagar.

A sobreira é unha especie moi valorada a nivel forestal, unha barreira natural contra incendios xa que a súa cortiza é ignífuga. Portugal ten 730.000 hectáreas desta especie e no Estado español é Estremadura a que concentra maior número de exemplares. Na Galiza o Sobreiral do Arnego, no Deza; O Ribeiro, o río Ulla, a Ribeira Sacra e O Baixo Miño concentran o maior número de exemplares. Cada verán tratantes da cortiza chegan a Agolada e a Vila de Cruces para traballar na compra e extracción. Este traballo require dunha profesionalización que non ten o país.

O roubo

O procedemento habitual é que o tratante contacte coas propietarias  das sobreiras, negocie un prezo á vista do número de árbores e a calidade da cortiza, pague o mesmo e proceda á saca. Isto que viña sendo normal durante anos está a mudar. Son moitos os propietarios que descubriron este ano que ás súas árbores sacáronlles a cortiza sen permiso e sen contraprestación. Moitos optaron por queixarse aos tratantes, outros calan e un grupo de veciños, indignados polo acontecido, estudan denunciar ao Seprona e diante dos tribunais aos espoliadores da cortiza. A Brocos (Agolada) chegou un destes tratantes en xaneiro a mirar co propietario as sobreiras, deixou un sinal de 50 euros para o verán.

Seis meses despois, as sobreiras apareceron sen cortiza pero nin rastro do tratante nin do pago. Hai quen, como Iago Tato, dedicouse hai anos ao negocio da cortiza e agora vén de descubrir que alguén fixo saca en perto de 40 sobreiras súas sen pórse en contacto con el. Aliás, estas sacas ilegais están a agredir as sobreiras ao deixalas desprotexidas contra os fungos.

A Zarra da Pena, na parroquia de Carmoega, Agolada, ten un terreo de varios propietarios con 24 hectáreas con maioría de sobreiras. Nela, varias veciñas tiveron que reclamar o seu ao ver as súas sobreiras núas dun día para outro. O negocio é redondo, o prezo da cortiza non deixa de medrar e os tratantes levan a Estremadura e Portugal tráilers cargados de cortiza desta zona sen pagar.

Un pequeno propietario de sobreiras pode gañar con esta operación uns 1.000 euros ao ano. Un despiste dun mes provoca que os tráilers dos tratantes se carguen coa cortiza, saian a Portugal e alí 30% vai para tapóns de viño e 70% tritúrase para facer solos, revestimentos illantes e aglomerado de cortiza. Do negocio non hai beneficios para os sobreiros galegos.


Propietarios denuncian o espolio das árbores

Iago Tato, un dos propietarios afectados polos roubos, asegura que non se trata dun problema de cartos, "o problema son as formas, a falta de respecto á propiedade; é como se entran na túa casa sen permiso, van á neveira e collen unha cervexa". O que acontece, explica a Nós Diario, é que moita xente nin denuncia nin protesta, "eu tiven que patear o terreo falando cos veciños para saber quen fora o que lle quitou a cortiza ás miñas sobreiras".