O banco Popular-Pastor podería deixar 4 familias sen casa en Compostela

[Imaxe: Marcos Boedo]
Stop-desafiuzamentos propón para a terza feira, 5 de marzo, un roteiro polas sucursais que a entidade ten na cidade. O Congreso d@s deputad@s quitou adiante esta semana, co apoio de PP e UPyD, o decreto lei que axiliza os despexos por impago do aluguer

 

Un roteiro por todas as oficinas que o grupo bancario Popular-Pastor, fusionado en 2011, posúe na cidade. É a acción directa que Stop-desafiuzamentos Compostela marcou para a terza feira, día 5 de marzo, para visibilizar os casos das catro familias ameazadas por unha execución hipotecaria impulsada desde enta entidade.

"Fomos varias veces falar co banco e sempre nos din que están a estudar outras posibilidades, mais non dan ningunha resposta definitiva", explica Iago, activista da plataforma cidadá. Acrecenta que "eles din que nunca levan a cabo as execucións até o final, que a paralizan antes de que se produza o despexo". Con todo, o certo é que o número de familias en risco de que a banca as bote da casa son máis cada día na comarca compostelá e aquelas execucións patrocinadas polo Popular-Pastor tamén aumentan.

Lavar a cara perante a cidadanía 

"A estratexia de presión esa é un sensentido porque estamos ante persoas a quen, por moita presión que teñan, non van poder pagar igual". Até o de agora, a única vez que Stop-desafiuzamentos tivera que lidar con este banco "conseguimos a dación en pagamento sen necesidade de mobilizacións". Porén, a débeda contraída "non era moi alta" e a persoa hipotecada "estaba enferma", polo que a entidade aceptou os termos da negociación propostos pol@s activist@s "para evitar a mala prensa".

Precisamente ese lavado de imaxe é o que move os bancos á hora de valorar as achegas dos colectivos contra as execucións hipotecarias activos en todo o País. "Saben perfectamente a situación de cada familia e métenas igual nestas situacións, polo que de humanidade non hai nada aínda que o desafiuzamento se paralice".

Mulleres separadas, viúvas, con crianzas ao cargo, maltratadas.... mulleres

A nube de etiquetas que define @s titulares das ordes de execución fala, maioritariamente, de mulleres: mulleres separadas e con crianzas ao cargo, mulleres en situación de violencia machista, mulleres viúvas ou que (sobre)viven cunha pensión non contributiva, mulleres cuxo home marchou e a deixou cos pagamentos da hipoteca ás costas. En novembro de 2012, Stop-desafiuzamentos Compostela traballaba con oito casos. Tres meses despois, en febreiro, traballa con 15. A cifra duplicouse en tempo récord grazas a accións de protesta que son cada vez máis visíbeis.

"Enfrontabámonos ao estigma da vergoña por quedar sen casa por un lado e, polo outro, á invisibilidade do noso traballo", subliña Iago, tomando en conta que "a meirande parte dos casos son de fóra da cidade. En Compostela unicamente negociaron co Santander conseguindo a dación en pagamento para unha veciña do barrio de Vite e co BBVA polo caso dunha familia do barrio de Conxo.

Deixar sen casa unha familia de 9 membr@s, 5 del@s menores 

Desta volta, diante das sucursais do Popular-Pastor espalladas pola capital galega, reclamarán "unha solución urxente" para os casos dunha familia de nove membr@s, veciñ@s de Cacheiras, no Concello de Teo, d@s cales cinco son menores de idade. A proposta que a plataforma colocou riba da mesa pasa pola dación en pagamento e un alugueiro social, con opción a compra, xa que se trata dunha vivenda de herdanza familiar, por un importe que non supere o 25% dos ingresos da parella.

Aliás, a solución que piden farase extensíbel a outra familia do barrio de Fontiñas, un pai e dúas fill@s que moran en Padrón e unha parella moza de Sigüeiro que polo de agora mantén os pagos ao día mais que xa se ve na situación de que nun futuro próximo non poderán achegar as cantidades acordadas e queren adiantarse á orde de despexo.

'Antecedentes' por adebedar o aluguer: a nova idea do PP que UPyD apoia

Cómpre lembrar neste punto que o Congreso d@s deputad@s quitou adiante nestes días, cos votos a favor de PP e UPyD, o decreto lei que axiliza o despexo de vivendas por impago do aluguer. Creará, así mesmo, un rexistro de sentenzas firmes onde o nome da persoa deudora será público durante un periodo de seis anos.

Con este panorama como pano de fondo, Iago analizou as declaracións do avogado de Iñaki Urdangarín en que recoñece que o xenro do Rei adebeda seis meses de hipoteca polo seu palacete de 600 metros cadrados en Barcelona "porque non ten traballo". Considera o activista que se trata dunha tentativa "noxenta e penosa" de procurar empatía perante a súa situación de imputado no caso Nóos.