Rosalía Mera, a muller máis rica do Estado, pide a Gallardón que deixe a lei do aborto "como está, que está moi ben"

Aliás, reclama que non se sigan practicando recortes nin no ensino nin na saúde pois entende que ''estamos dentro dun barco e temos que o salvar xuntos, non ir botando xente ao mar''


A muller máis rica do Estado español e presidenta da fundación Paideia, Rosalía Mera, pronunciouse esta quinta feira en contra dos recortes en sanidade e en educación e dixo "confiar" en que a contrarreforma da lei do aborto que prepara Gallardón "non saia adiante" porque "así protexe a uns e tamén ás nais no dereito a poderen decidir nunha cousa tan importante como é a maternidade". 

Durante a presentación do informe 'Estado mundial da infancia 2013', Mera mostrou o seu desexo de que o Goberno español deixe esta norma "como está, que está moi ben" e enfatizou que debera tamén cesar nos recortes en ensino e saúde "indo á parte máis fácil e recurtando por debaixo". A segunda fortuna a nivel mundial en mans dunha muller quixo facer entender ás e aos presentes que "estamos dentro dun barco e temos que o salvar xuntiños, non ir botando xente ao mar".