‘Rosalía de Castro’: a ‘escola de americanos’ de Taragoña fai 90 anos

Actividade na Escola do Cruceiro. Imaxe: CRA Rianxo

Inaugurouse en 1929 grazas ás achegas dos taragoñeses e taragoñesas emigrados no país austral. Esta sexta feira e fin de semana esta parroquia rianxeira conmemora os 90 anos de vida daquel proxecto.

A educación, a instrución, foi unha das teimas da colectividade galega emigrada a finais do século XIX e principios do XX. Importantes cantidades de diñeiro eran remitidas polas sociedades de emigrantes galegos en Cuba, Arxentina ou Uruguai a Galiza para a construción de escolas, pago de profesores ou habilitación de colexios. Todo co obxectivo de “instruír”,  “escolarizar” como vía contra a ignorancia e o atraso.

Nesta traxectoria naceu en 1929 a escola do Cruceiro, en Taragoña, que se atopa en Campo de Pazos. Esta parroquia rianxeira comemora estes días o 90 aniversario da súa construción.

“Dende comezos do século XX, o tema da escolarización foi unha das preocupacións da parroquia de Taragoña, pois dado o seu peso demográfico, había grande necesidade de contar con varias aulas”, explica Xosé Ramón Brea, coñecedor deste proxecto. Na emigración creábanse “sociedades pro-escolas ou de instrución”, que se fixeron cargo “ da implantación, dotación e financiamento das chamadas «escolas de americanos»  que viñeron a aumentar e renovar o conxunto das escolas estatais de Galiza”.

“O día 30 de xuño de 1923 fúndase en Buenos Aires a “Sociedad Instructiva Pro-Escuelas Hijos de Taragoña en la República Argentina” na que vai ter un papel decisivo o taragoñés, José Otero Otero, pois dende o seu cargo de secretario, impulsará a creación da escola “Rosalía de Castro”. A entidade adquire dous solares en Campo de Pasos en 1924 e 1926,  e realiza unha activa campaña de propaganda para obter máis recursos económicos. O alcalde de Rianxo, D. Mariano Rodríguez Dios, pai de Castelao, puxo a primeira pedra da escola de Taragoña o 23 de setembro de 1928. A Sociedade Instrutiva continúa co labor de recollida de fondos mediante a organización de festivais e veladas artísticas. Nestes anos de 1928 e 1929 vai ser cando se envían dende Buenos Aires as remesas de cartos máis importantes, ata  9.000 ptas,  para rematar canto antes o edificio. En maio de 1929, os emigrantes na Arxentina organizaron un banquete para conmemorar o remate da obra”.

 

Actos:

Sexta feria, 21 de xuño

9 a 13 h. Celebración escolar coa participación das familias do alumnado da escola Rosalía de Castro, con xogos, merenda, obradoiro de actividades impartido por Electra Menéndez e concerto de Ana Silva, Silvia Ferre e  Alfredo Susavila.

Sábado, 22 de xuño

10:30 h. Presentación oficial da celebración do 90 aniversario da Escola Rosalía de Castro.  Intervención musical de Aida Saco, pianista.  Saúda das autoridades.

11:00 h. A “Sociedad Instructiva Pro-Escuelas Hijos de Taragoña en la República Argentina” e a construción da escola “Rosalía de Castro”. Conferencia impartida polo historiador Xosé Ramón Brea, e posterior coloquio.

12:45 h. Intervención musical da Banda de gaitas Buxaina, de Taragoña. 12:15 h. Intervención artística “Rosalía na escola” do C.E.P. X. M. Brea Segade, de Taragoña. 14:30 h. Xantar campestre na praia da Torre (praia do Salgueiriño), Taragoña, en colaboración coa “ I Xornada Medioambiental  Praia da Torre” organizada polo colectivo Ondiñas Mainas.

Domingo, 23 de xuño

11:00 h. Roteiro arqueolóxico pola contorna da escola dirixido por Juan Carlos Collazo, Electra Menéndez e Álvaro Arizaga.