O Rosal maniféstase contra o recorte na Atención Primaria

Manifestación pola Atención Primaria no Rosal. (Foto: Nós Diario)
A Atención Primaria chega aos meses de verán nunha situación límite. A falla de persoal xa ten provocado nos últimos meses o feche dos servizos nalgúns centros de saúde ou Puntos de Atención Continuada (PAC) na Galiza. O voceiro da plataforma Sos Sanidade Pública, Manuel Martín, advirte que "probabelmente estamos ás portas do peor verán para a sanidade das últimas décadas".

A falta de investimento público en sanidade nótase na Atención Primaria. O Goberno galego destinou a este servizo en 2020 11,6% do total destinado a sanidade. A porcentaxe significou un investimento 2,3 puntos inferior á media estatal, situada en 13,9%, e ficou lonxe daqueles territorios cun gasto sanitario máis elevado. Só Madrid gastou menos diñeiro en Atención Primaria que a Galiza. A propia Amnistía Internacional acaba de denunciar os recortes nesta materia do Executivo galego. Tanto é así, que os últimos orzamentos liquidados, isto é os de 2020, sinalan que a Xunta dedicou nesa anualidade 533,8 millóns de euros á Atención Primaria, o que significou unha baixa de 0,4 puntos en relación co ano anterior, sendo a cantidade máis baixa dos últimos 10 anos e moi lonxe de 12,3% do gasto sanitario total recollido nos orzamentos de 2009, os últimos elaborados polo Goberno de coalición entre BNG e PSOE.

A Galiza chega a este verán con moitos problemas. A este respecto, o voceiro da plataforma Sos Sanidade, Manuel Martín, sinala a Nós Diario que "temos un problema estrutural de falta persoal, provocado polos recortes, pero a situación vaise agravar durante o verán porque moito persoal sanitario desfruta das súas vacacións sen ser cubertas as súas prazas por substitutos e ademais porque vai haber un aumento da poboación naquelas áreas costeiras da Galiza con máis presión turística". "Estamos ás portas dunha situación dramática que adianta un caos na Atención Primaria na Galiza", asegura Martín, quen non descarta "unha situación quente con mobilizacións en moitas comarcas galegas".

Manifestación no Rosal

Precisamente, na xornada de onte desenvolveuse no Rosal unha manifestación en defensa dos servizos de saúde na localidade. Ao remate da mesma, o médico do centro de saúde da Guarda Álvaro Lamas sinalou que "nos últimos cinco meses só unha médica atende os 6.450 habitantes do Rosal. Nos meses previos, ningunha. Desde abril do ano 2021, non hai pediatra para atender as nenas e nenos deste concello. Este abandono, que padece de forma similar o concello de Oia, sobrecarga o xa de por si eivado centro de saúde da Guarda, que asume urxencias dos dous concellos alén das propias en non poucos días".

Horas antes da manifestación, a Xunta da Galiza emitiu "unha mensaxe de tranquilidade" á poboación do Rosal, asegurando que "sempre que hai dispoñibilidade de médico substituto, o Sergas prioriza ese centro, dando cobertura ás ausencias dos facultativos titulares".

Nesta liña considera "inadmisíbel que se cuestione o funcionamento dun modelo de atención á urxencia e emerxencia na Galiza que é un referente internacional, e cumpre os máximos criterios de calidade e seguridade".