Rosa Quintana, a primeira conselleira que recibe a vacina da Covid

Rosa Quintana foi vacinada na Cidade da Cultura (Imaxe: Xunta da Galiza)

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, é a primeira integrante do Executivo galego en recibir a vacina da Covid. En concreto, foi inoculada co fármaco de AstraZeneca, que lle corresponde por idade. A responsábel da política pesqueira, que superou a enfermidade hai uns meses, exixiu a vacinación do colectivo de mariñeiros.

En declaracións aos medios após ser vacinada, Rosa Quintana amosou a súa "preocupación" polas declaracións da ministra de Sanidade, Carolina Darias, en referencia a que os mariñeiros serán vacinados cando "lles toque" por idade.

Esixiu un cambio de opinión e que se lle dea luz verde ao Instituto Social da Mariña (ISM) para que proceda á inmunización deste colectivo. Respecto diso, advertiu de que non vai ser un problema de "subministración" e que a propia Xunta está disposta a enviar ao ISM as vacinas necesarias para completar esta acción.

O Goberno galego busca que se considere aos mariñeiros como grupo esencial e advirte da "idoneidade" de administrar a fórmula de Janssen, cuxas primeiras 8.350 doses chegaron na cuarta feira á Galiza.

A idea é que, como esta vacina é dunha única dose, se inocule a este colectivo co obxectivo de que non estea condicionado para acceder ás segundas doses polas mareas.

En días pasados, Quintana asegurou que o ministro de Seguridade Social, José Luis Escrivá, mostrouse aberto a esta vacinación, pero a titular de Sanidade arrefriou esta posibilidade inmediata.

"Creo que debe reconsiderar as declaracións", afirmou Quintana, "os mariñeiros en moitos casos pasan máis de 15 días a bordo dun barco, lonxe de calquera hospital e, por tanto deben de ser considerados un grupo especial á hora de ser vacinados".

A Comisión de Saúde Pública, na que están representadas as comunidades e o Executivo estatal, decidiu destinar a vacina de Janssen -segundo se recolle na última actualización da estratexia- ao colectivo de entre 70 e 79 anos, pero Galiza vacina este grupo coa de Pfizer -principalmente- e Moderna.