Catedrática da USC

Rosa Mosqueira: "Contra o minifundismo, cómpre arrendar as terras que non se usan"

Rosa Mosqueira (Cedida)
Rosa Mosqueira, catedrática do departamento de Produción Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela, acaba de publicar un artigo internacional no que defende as prácticas agroforestais para reducir o risco de incendios. O estudo confirma que Galiza é o territorio europeo con maior densidade de lumes.

Galiza é o territorio europeo con máis hectáreas asoladas polo lume e con maior densidade de incendios na última década. Canto ardeu neste tempo e que se queimou?

Cada ano arden entre 30.000 e 40.000 hectáreas. A maiores, danse circunstancias especiais como as que afectaron a zona das Neves en 2016, cando arderon perto de 100.000 hectáreas en tres días. E o que se queima, principalmente, é terreo abandonado, en zonas de arbusto ou forestais, en áreas nas que non hai un coidado intenso da vexetación, que se acumula até converterse en combustíbel para o lume.

Por que se concentran os incendios na Galiza?

Porque temos unhas condicións climáticas fantásticas, cunhas temperaturas e precipitacións nos meses de primavera que disparan o crecemento da vexetación. Ocorre tamén no norte de Europa, coa diferenza de que nós temos un verán seco. Polo tanto, cando hai un incendio con menos de 30% de humidade, refachos de vento de máis de 30 km/h e máis de 30 graos de temperatura, as condicións son óptimas para que non se poida deter; e isto xera os grandes incendios.

Con todo, xa o apuntaba, a clave está no abandono e no uso do monte pouco sustentábel.

Non se coida porque non se obtén produto del. O beneficio máis visíbel chega coa corta da madeira. É inviábel que a sociedade manteña máis de dúas hectáreas de montes na Galiza mediante subvencións ou coidados que debería realizar a Administración. Hai que buscar unha produción máis rica e sustentábel do monte vinculándoo aos conceptos de bioeconomía ou economía circular.

Que ten que mudar para que se dea ese cambio?

Primeiro, ser conscientes do moito que podemos extraer do monte. Produción de cogomelos, de gando, compostos que se poden derivar á industria cosmética, plantas aromáticas, medicinais. E ademais, dispoñer de persoas que se dediquen a estas prácticas agroforestais, e para isto temos que ter ben organizado o mercado destes produtos. Fundamentalmente ha de ser un mercado local apegado ao asociacionismo e ao cooperativismo

Son fórmulas acaídas para un territorio como o galego onde o sistema de propiedade é de minifundio, os propietarios xa non viven apegados ao rural e non hai unha ordenación do territorio?

Hai exemplos que demostran que se poden levar a cabo iniciativas de mellora da xestión agroforestal. Temos perto de 600.000 hectáreas de montes veciñais en man común, superficie suficiente para por en marcha proxectos como os que comento. Hai montes en Carballo, en Friol, no Incio, na Veiga que empregan o monte para a obtención de recursos alleos á madeira. Máis lograr un rendemento produtivo sustentábel en sintonía cos desafíos do cambio climático leva tempo. Contra o minifundismo cómpre buscar medidas que permitan arrendar as terras que non se usan. Haberá quen viva nas cidades que non mire para elas, pero tamén hai quen vive no rural que precisa pasto para o seu gando. Para que o vai comprar fóra se se pode ordenar o mercado dos terreos abandonados, de gran valor para o sector agrogandeiro? Trátase de aproveitar o territorio e, mediante a súa explotación, axudar  a  fixar  poboación.  Mais isto, tamén require infraestruturas e servizos que faciliten a calidade de vida.

Devolverlle o uso ao monte suporía devolverlle o valor que tivo no pasado.

Si, e estamos nun punto no que se empeza a pensar que a intensificación, co emprego de fertilizantes, non é o mellor. Estamos cambiando o paradigma na busca da sostibilidade. E aquí, o uso do monte e das enerxías renovábeis vai ser fundamental.

Cal é a mellor ferramenta da que dispoñemos para mitigar o cambio climático e contribuír á redución do impacto dos lumes?

Todas son boas pero hai que poñelas en contexto e atender ás circunstancias de cada territorio. Galiza é unha potencia en produtos de orixe gandeira. Significa que hai un gran coñecemento do emprego da gandaría. É doado que o gando entre no monte e é, tamén a asociación máis fácil. Polo tanto, as prácticas silvopastorais son as máis  interesantes para os produtores galegos, agrogandeiros e forestais, porque ambos teñen coñecementos de sobra para levalas a cabo e conseguir un, alimento para o seu gando, e outro, un monte limpo. E todo isto sen descoidar outros cultivos e fontes de produción: a micolóxica, que xa é importante,  e a medicinal, que debería comezar a explotarse.