A Romaxe Artesá da Chaira volve a Muras con música e xogos

Este sábado 26, a área recreativa A Veiga será o escenario da feira, que chega á súa terceira edición cunha ampla mostra de oficios e un rico programa de lecer

Na mañá do próximo sábado, Muras amencerá cargada de festa. A Romaxe Artesá da Chaira, que ten lugar na área recreativa da Veiga, chega á súa terceira edición cunha programación para todos os públicos. Non só estará a mostra e o mercado de artesanía, senón que tamén haberá espazo para a música e obradoiros.

 

Ás 10 horas abrirá a mostra de oficios, que estará aberta toda a mañá e contará coa presenza de Xavier Quijada -escultura en pedra e cantería-, Xaneco Tubío -instrumentos musicais-, Idoia Cuesta -cestería contemporánea-, Iria Pigueira -complementos de moda-, Montse Tubío -calceta-, Marcos Ladra -talla de madeira-, Manuel Castro -torneado de madeira-, Alberto Geada -zoqueiro- e Carmen López -traxe tradicional galego-, alén dos Ferreiros de Mazonovo e as Lolas da Cascarilla.

 

Durante a primeira metade do día, as crianzas tamén poderán gozar coa feira cos obradoiros infantís de creación conxunta, que terán lugar a partir das 11.30 horas. As miúdas poderán aprender tecido de punto, elaboración de complementos e mesmo traballar na creación dun niño. Para as máis grandes, a cooperativa Milhulloa e Cosmética Muuhlloa ofrecerán unha palestra sobre a evolución das plantas medicinais ao mediodía. Como acompañamento musical, o Cé Orquestra Pantasma amenizará a romaxe durante toda a mañá até as 12.30 horas, momento no que Axóuxere lle collerá o relevo.

 

Pola tarde, o colectivo Xotramu ofrecerá xogos tradicionais para grandes e pequenas a partir das 16 horas. Pola súa banda, Miudiño tamén impartirá un obradoiro infantil de creación de xoguetes ás 16.30 horas. Logo de tanto traballo, ás 18 horas as crianzas poderán gozar co espectáculo de títeres ‘Circo galaico’ que ofrecerá Alakrán. Por último, a romaxe fechará a xornada coas actuacións musicais do cuarteto tradicional Cantigas e Frores, de Davide Salvado e de O Sonoro Maxín.