Festival Agrocuir da Ulloa o 30 e o 31 de agosto

Unha romaría queer polo común

Imaxe dunha edición pasada do Festival Agrocuir da Ulloa. Foto: Festival Agrocuir.
“A destrución do bosque da Ulloa é algo que pode facer calquera simplemente por que a leira é súa? Ou é algo máis grande, que fai parte do común?”. Desta pregunta, e doutras semellantes, partiu a organización do Festival Agrocuir da Ulloa para a a súa sexta edición. Entre os seus obxectivos, ademais de celebrar “a diversidade sexual afectiva no rural”, transformarse en romaría popular, pensar xuntas, construír comunidade contra o “individualismo patriarcal”.

É Braulio Vilariño, do colectivo promotor, quen explica a Sermos Galiza as variantes e intencións dun dos eventos máis orixinais do verán galego. “Primeiro quixemos naturalizarnos coa contorna e agora queremos dedicarnos a todo o que temos en común”, di, “porque o que temos non é privativo dunha comunidade, dun país, é algo que pertence á humanidade”. Este ano, ademais, existe unha novidade importante: a mudanza na localización.

Logo de transcorrer as primeiras convocatorias na Granxa Maruxa, na parroquia de Cumbraos (Monterroso), o Agrocuir trasládase a Caracacho, na saída da vila monterrosina cara a Lugo. Ao pé do castro de Sete Igrexas e no souto que tamén abeira a fonte de Santa Eufemia, a organización quixo “un espazo novo” e “recuperalo”.

“A granxa era privada e estivo moi ben, pero todo foi medrando e houbo que discorrer alternativas”, afirma Vilariño, “o Caracacho ten unha calidade pétrea, granítica, é unha zona fermosa. Ademais, o festival pasa a ser de balde, de acordo coa nosa filosofía. Porque se trata dunha romaría e nas romarías nunca se pagou”. E como tal romaría, haberá xantar popular, música, vermú, obradoiros e contacontos.

Programa
Pero o sexto Festival Agrocuir da Ulloa comeza xa a sexta feira, 30 de agosto. O centro sociocultural de Monterroso acollerá ás catro da tarde a proxección do documental Noite Irisada sobre a loita polos dereitos LGTBI. Ás seis, no mesmo lugar, debate: Ruralidades queer em tempos de globalização: representações e alternativas. Ás oito e media, as actividades pasarán á Praza do Froito, onde Monqup, Boyanka Kostova, a performer Nelu Vermouth e os picadiscos Mulsako Crew e Carabixa achegarán as músicas.

“O festival é respectado, xera confianza”, comenta Braulio Vilariño, “fixo que toda a sociedade se implicase. Cando o iniciamos, eramos xente coñecida nas nosas vilas e dicían 'é cousa deles'. Pero fóiselle perdendo o medo, tamén á xente que vén de fóra. E o encontro foi ademais transformando mentalidades da xente nova, que ás veces estaba atrapada en prexuízos homófobos. Isto é moi importante”. O sábado 31, día grande no Souto do Caracacho (Monterroso), servirá para comprobalo.

Talleres de baile tradicional, cerámica ou construción de barro e palla sucederánse ao longo da mañá. Na sesión vermú tocará Pansefron e haberá degustación de galletas. Despois do xantar, contacontos e máis música a cargo de Laura LaMontagne & Pico Amperio, e Omiri. Entregaranse os premios á “visibilidade agrocuír” e lerase o manifesto da festa. Xa entrada a noite, a partir das dez, os cantos de taberna percorrerán locais da vila. A clasura será “golfa”: desde a unha da madrugada na Peneda (Monterroso), ao pé do río Ulla, e cos DJ Yiria Imaná e Neto do Rubio.

“Para nós é importante atendermos ao que temos en común. Contra este sistema patriarcal en que cada un vai ao seu, individualista, estarmos pendentes do que pasa, dos próximos. Que non suceda iso terríbel que sucede agora nas aldeas, as mortes en soidade”, resume propósitos Braulio Vilariño.

O Festival Agrocuir da Ulloa financiouse cunha campaña de micromecenado e conta coa colaboración do Concello de Monterroso, galletas Daveiga e o periódico mensual O Salto.