Rodríguez chama á "responsabilidade colectiva" pola a volta a clase

Imaxe de arquivo dunha aula con medidas anticovid. (Foto: Europa Press)

O conselleiro de Educación destaca que xa se fixo un bo traballo no primeiro trimestre.

De cara ao reinicio do curso escolar após as festas de Nadal, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, fixo esta quinta feira un chamamento á “responsabilidade colectiva” para que escolas, institutos, colexios e gardarías sexan “espazos seguros”.

A mensaxe débese ao incremento dos contaxios pola Covid-19 a nivel xeral de todo o país, que poderían traducirse en expansión do virus até os centros educativos complicando o avance das clases.

Para Rodríguez, xa no primeiro trimestre quedou demostrado “que os centros son espazos seguros grazas ao grandísimo traballo conxunto da comunidade educativa”. Non hai que esquecer que a Xunta impuxo moitos cambios polas medidas de seguridade deixando moi pouco tempo para a adaptación.

Mesmo houbo responsábeis de centros que amosaron as súas queixas de forma pública

Porén, hoxe o conselleiro seguiu aludindo á necesidade de cumprir os requisitos e as “normas de adaptación” para non tirar por terra o feito até o momento.

Así, pediu máis “traballo e esforzo” para o segundo trimestre que comeza esta sexta feira de forma presencial malia que o comité clínico podería anunciar novas restricións para toda Galiza ou por zonas.

De momento, Rodríguez destacou que a situación epidemolóxica nas escolas “evoluciona de modo parello” á sociedade con algunhas aulas fechadas antes das vacacións, pero sen unha “transmisión interna”. Para seguir así insistiu en demandar “respecto, prudencia e responsabilidade”.